O deporte galego axúdanos a facer exercicio durante o confinamento a través de Adestra #NaCasa

xoves, 16 de abril do 2020 S. P.

Quen queira practicar deporte durante o confinamento, respectando as normas do Decreto de Alarma, vai contar cun novo recurso unificado para facelo. Estamos a falar do espazo Adestra #NaCasa no que as federacións deportivas de Galicia amosan o seu traballo cos deportistas no período de confinamento. A iniciativa, posta en marcha pola Secretaría Xeral para o Deporte, está accesíbel na propia web deste departamento autonómico. Trátase, nas súas palabras, “dunha mostra da creatividade do tecido deportivo ante a situación que estamos a vivir”.
Na iniciativa tamén participa a CRTVG, emitindo nos seus informativos imaxes de vídeo na que os técnicos indican as pautas que seguen os deportivas de alto nivel durante a reclusión.
Esta ferramenta nace das reunións que o Goberno galego está a manter cos responsábeis do tecido deportivo galego sendo os técnicos do Centro de Tecnificación Deportiva os pioneiros no seu uso. Inclúe arquivos, documentos, ligazóns e material de diversa índole orientado ao adestramento na casa durante a crise sanitaria.
Na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte pódense consultar a día de hoxe os plans de traballo para os deportistas das federacións galegas de atletismo, bádminton, balonmán, fútbol, karate, judo, loita, natación, piragüismo, remo, salvamento e socorrismo, taekwondo, tríatlon e péntatlon moderno, xadrez, ximnasia e vela.
Ademais da planificación deportiva de cada federación con vídeos de exercicios físicos para realizar na casa, as federacións tamén achegan unha serie de pautas psicolóxicas a seguir na casa para non perder o ánimo e manter a concentración.

PUBLICIDADE