O debuxo 3D, a fabricación dixital e o Power BI centran os novos obradoiros de SmartPEME

luns, 13 de xuño do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de formación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Os talleres, orientados a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas en pleno proceso de formación, tratarán temas como o debuxo 3D con Onshape e Assembly, deseño de imaxes para preimpresión e medios dixitais, fabricación dixital con impresoras de resina ou utilización do programa Power BI.
Este martes 14 de xuño pola mañá, Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, impartirá un obradoiro sobre fabricación dixital cos programas Onshape e Assembly. Nestes cursos en formato mixto, combínanse clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O curso Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VI – Assembly II, ten como obxectivo “coñecer e familiarizarse coas ferramentas implicadas nun proceso de produción dixital”.
O mércores 15 de xuño pola mañá, Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, amosará os distintos aspectos sobre composición e deseño, ademais de diferenzas entre as imaxes que se subirán a contornas dixitais, ou as que se usan para un acabado de impresión, no obradoiro Deseña e crea as túas imaxes para preimpresión e medios dixitais.
O xoves 16 de xuño, ás 11:00h, celebraranse dous obradoiros. O primeiro será Fabricación dixital. Impresoras de Resina, un novo itinerario de fabricación dixital que comezou en maio, e no que se combinan clases telemáticas e presenciais no Fab Lab de Barro, co obxectivo de que o alumnado teña contacto real con este tipo de tecnoloxías e sexa capaz de deseñar e fabricar unha peza en 3D. Esta acción formativa será impartida tamén por Manuel Freire.
No segundo obradoiro, Laureano Pérez Soto, director executivo (CEO) de Datasight Consulting impartirá Power Bi, a ferramenta analítica para o noso negocio ou peme, no que explicará o que é este sistema, o seu funcionamento e a importancia dos datos na toma de decisións das pequenas e medianas empresas.

PUBLICIDADE