O curso de audiovisual de Celanova achega adestramento en novos formatos e vieiros

xoves, 28 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Celanova vaise mergullar este mes de xullo nas novas correntes do audiovisual e novos xeitos de presentárnolo nas nosas casas. Estamos a falar da quinta edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CEMAC), que este ano celébrase do 3 ao 6 de xullo. O obradoiro, integrado no programa de extensión universitaria do Campus de Ourense (UVigo), contará entre os seus “adestradores” cos responsábeis de Tele5 e Mediaset e con parte da equipa da serie Fariña.
Amais, dará acubillo á estrea de Luz de Contra, feita por alumnado da Universidade de Vigo. O curso servirá para tomarlle o pulso á narrativa audiovisual do noso tempo (vieiros, formatos e pantallas). Na presentación, celebrada na sede da Deputación, participaron Esther de Blas, vicerreitora do Campus, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, entidade colaboradora.
Tamén fixeron acto de presenza o administrador da Fundación Carlos Casares, Håkan Casares, Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual de AGADIC, José Luís Ferro, alcalde de Celanova, e Paulino Pérez, director do Taller Audiovisual Celanova, plató de ficción, que forma parte do Curso de Medios Audiovisuais, quen foi o encargado de dar os detalles desta edición.
Pérez salientou do curso que novamente “mesturará proxeccións con conferencias e debates nos que participarán profesionais do sector audiovisual galego e estatal”. Entre os protagonistas deste ano destacou a Mediaset/Tele 5, coa participación de Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset España; Félix Sabroso, director de contidos e ficción deste grupo, e Sergio G. Sánchez, director e guionista da súa produción El Secreto de Marrowbone. Do eido galego apuntou a participación da Voz Audiovisual, coa súa directora Fernanda Tabarés ao fronte; de actrices de Fariña como Mariana Carballal, Isabel Naveira e Cristina Iglesias e do actor Manuel Lourenzo e a proxección de producións galegas como Matria, entre outros aspectos.

PUBLICIDADE