O curso arranca na UVigo coa estrea dun novo portal de teledocencia, MooVi

luns, 7 de setembro do 2020 S. P.

O curso comeza na Universidade de Vigo cunha serie de novidades tecnolóxicas importantes que xorden en boa medida para impulsar a adaptación da actividade docente e investigadora á nova realidade da COVID e para dar resposta ás novas demandas dixitais. Unha das principais novidades, que estará dispoñíbel esta semana, é un novo portal de teledocencia que substituirá a FaiTIC. Bautizado como MooVi, está baseado nunha instalación na nube da última versión dispoñible de Moodle, que é a plataforma estándar dentro das tecnoloxías de software libre no ámbito do elearning.
Esta medida enmárcase nun plan de mellora deseñado pola Reitoría para “facilitar o proceso de adaptación á docencia en liña”. Como dixemos, con ela renóvase a actual plataforma de teledocencia, FaiTIC, creada en 2003, que actualmente integra versións obsoletas de dous LMS (Learning Management System) como son Claroline e Moodle, o que dificulta a súa xestión, provocando entre outras couxas problemas de seguridade e protección fronte a ciberataques, de rendemento na conexión ou imposibilidade de instalación de funcionalidades adicionais, segundo informou a Universidade de Vigo, salientando que o novo portal de teledocencia estará operativo en http://moovi.uvigo.gal “unha vez finalice a matrícula do alumnado da ABAU de xullo, cuxo último chamamento remata o día 7 de setembro”. Deste xeito, explica a UVigo, “xa poderán estar creadas na plataforma todas as materias de todas as titulacións oficiais e dados de alta o profesorado e o alumnado”.
Respecto das vantaxes principais, MooVi permitirá que a comunidade universitaria dispoña dun conxunto de funcionalidades que non soportaba a anterior plataforma, como a integración do software antiplaxio Turnitin nas actividades dos cursos, así como o uso dunha aplicación móbil con notificacións ao móbil e acceso a contido offline. Por outra banda, MooVi tamén permitirá a integración con Campus Remoto, o que fará innecesarios os mini-Moodles utilizados o curso pasado, así como a integración con futuros servizos da UVigo, como un sistema de identidade centralizada (SSO-Single Sign On), que estará dispoñíbel entre setembro e outubro.

PUBLICIDADE