O cuarto certame de podcasts Radio na Biblio pon o foco en Florencio Delgado Gurriarán

mércores, 13 de abril do 2022 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación e a Radio Galega convocoaron a cuarta edición do Concurso de Podcasts - Radio na Biblio, que este ano pon o foco na figura do poeta, articulista, tradutor, editor, activista cultural e político no exilio Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. O obxectivo do certame é “estimular a elaboración de produtos radiofónicos en galego, reforzar a lectura de poesía nesta lingua ou o achegamento ao mundo da edición, da tradución e da cultura galega en América”.
Poderán participar neste concurso os 138 centros públicos participantes no programa Radio na Biblio, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica. Na terceira edición do certame participaron 69 centros educativos que enviaron 127 traballos.
O certame enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021/2025 de Bibliotecas Escolares. Constará de catro modalidades, segundo o nivel do ensino (Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e unha cuarta para Bacharelato, ensinanzas de persoas adultas ou ciclos formativos). Cada centro educativo pode presentar un máximo de tres traballos, todos eles en lingua galega, cunha duración de entre tres e cinco minutos. O arquivo sonoro, en formato MP3 ou WAV pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un recital, un debate ou un programa monográfico
O prazo para a presentación de solicitude de participación e do resto da documentación remata o 29 de abril de 2022. A documentación remitirase ao enderezo electrónico da Asesoría de Bibliotecas Escolares.
O xurado seleccionará dous podcasts por modalidade, que recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio/emisora de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento deste laboratorio de radio, sempre vinculado á biblioteca do centro. Os escolares poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago. Os traballos premiados serán emitidos por esta emisora e serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.

PUBLICIDADE