O crackeo da conta de e-mail de Sarah Palin foi sinxelo e torpe

venres, 19 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Unha das capturas do e-mail de Sarah Palin que axudaron a localizar ao autor da súa filtración á web

O acceso a unha das contas de correo electrónico da gobernadora de Alaska e candidata á vicepresidencia dos EE.UU., Sarah Palin, está a dar moito que falar nos medios, especialmente ao coñecerse que o crackeo do seu e-mail consistiu simplemente en responder axeitadamente as preguntas de seguridade de Yahoo! para restaurar o contrasinal de acceso ao seu servizo, que eran a súa data de nacemento (información de dominio público), o seu código postal (Wasilla só conta con 2 códigos postais) e o lugar no que coñeceu ao seu marido (detalle que ten manifestado en entrevistas), datos que se puideron atopar na web mediante sinxelas buscas.
Este asunto debería chamar á reflexión a moita xente que ten contas de correo susceptibles de intromisións semellantes, aínda que iso tamén se aplica á xente que filtra a información atopada á Rede, posto que o autor do secuestro do e-mail de Palin accedeu ao mesmo a través dun proxy (Ctunnel.com), pero os datos de acceso ao mesmo aparecían nas capturas de pantalla que publicou na web, de xeito que se atoparon pistas suficientes como para dar indicios que permitan localizar ao autor desta intromisión á intimidade da republicana.

Fotografía de David C. Kernell publicada no seu perfil en PeekYou</A>

Identifican ao hacker social

As autoridades
xa contactaron con Gabriel Ramuglia, administrador de Ctunnel.com, para que conserve os ficheiros de rexistro do seu servidor para axudar á investigación dos feitos e ata onte se rumoreaba que estaban a investigar a un mozo de 20 anos, estudante da Universidade de Tennessee-Knoxville, que resultou ser fillo de Mike Kernell, político do Partido Demócrata. Finalmente David Carl Kernell recoñeceu ser o autor do crackeo, polo que o misterio parece resolto, e queda saber as medidas que emprenderán contra o rapaz, que podería ter cometido un delito de bastante gravidade, non só por violar un enderezo de correo electrónico, senón tamén por publicar a información persoal que atopou no mesmo.

PUBLICIDADE