O coworking da EOI amosou os seus proxectos emprendedores na Cidade da Cultura

mércores, 26 de setembro do 2018

A Cidade da Cultura acolleu hoxe o Demoday Espazo Coworking, presentación dos proxectos impulsados na terceira edición do coworking desenvolvido pola Escola de Organización Industrial (EOI) en colaboración co IGAPE, acto no que se achegou formación e asesoramento para o desenvolvemento dun total de 17 proxectos.
A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, felicitou os emprendedores por ter completado esta primeira parte do camiño e convidounos a seguir contando co apoio do Centro de Emprendemento do Gaiás para consolidar os seus proxectos asegurando que «o Centro está ao servizo das persoas emprendedoras. Ofrecémoslles un espazo de traballo, acompañámolas coa sabedoría de expertos e levamos a cabo ao longo de todo o ano máis dun cento de actividades para formar, mellorar e dar visibilidade ás súas iniciativas».
Os novos empresarios poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas. Deste xeito, poderán continuar accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFI) para financiar os seus investimentos.
Os emprendedores que desenvolveron os 17 proxectos empresariais neste espazo coworking, no que recibiron asesoramento á medida sobre a posta en marcha das súas iniciativas, optaron por ámbitos de actividade tan diversos como son servizos culturais e formativos apoiados nas TIC, de desenvolvemento persoal e de produtos do sector da moda, así como dos relacionados coa valorización de recursos do territorio.
Esta aceleradora, na que nas dúas edicións anteriores se apoiaron 44 iniciativas emprendedoras, forma parte da rede de espazos creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, a través do IEGAPE e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI). Cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), a rede ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, contribuíndo á posta en marcha e consolidación de novas empresas no territorio.
Nos próximos días finalizarán tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking de Celanova-Terras da Limia, Ribeira Sacra, Costa da Morte, Mariña lucense e Ferrolterra, nos que, en conxunto, se apoiaron 130 novos proxectos de emprendemento.

PUBLICIDADE