O consumo de contidos dixitais medra en España e faise case universal

mércores, 23 de xuño do 2021 S. P.

O observatorio ONTSI, dependente de Red.es, vén de publicar un novo estudo sobre a realidade TIC do ámbito estatal, desta volva poñendo o foco nos nosos hábitos en relación coa información. Trátase do Estudo sobre usos e actitudes de consumo de contidos dixitais de 2021. A súa principal conclusión é a seguinte: o consumo de contidos dixitais medra en España e faise case universal entre a poboación. Parte da “culpa” destas boas cifras tena o confinamento, que incluíu o devandito data e “facilitou a familiaridade da poboación coas novas tecnoloxías”.
No estudo dise que o 93,3% consume polo menos un tipo de contido dixital. Nel tamén se fai saber que desde o informe anterior sobre esta temática que se elaborou en 2016, “non só creceu a taxa senón tamén a frecuencia de consumo dos distintos contidos”.
O proceso, con todo, non foi igual en todas as franxas de poboación. O 36% dos maiores de 75 anos non consumiu contidos dixitais nunca e o 20% só de maneira excepcional. Tamén o nivel de estudos é un factor diferencial: o 34,9% da poboación con estudos primarios non fixo uso de contidos dixitais.
O incremento maior está na franxa de 14 e 24 anos que xa tiñan un consumo elevado: o 60% di que aumentou a súa utilización de servizos dixitais durante o confinamento e continúa consumindo máis agora que antes.
En relación coa tipoloxía de contido, o estudo tamén indica que o incremento na taxa de consumo no que se refire a películas, series, vídeos e documentais sobe dun 59,5% a un 80,3% na actualidade, e a música dixital ha pasado do 58,1% da poboación ao 80,1%.
O informe tamén enxalza o papel xogado polos contidos formativos e educativos, que pasaron a consumir tres de cada catro persoas, polo que se instauran como unha das informacións máis requiridas polos cidadáns de entre 16 e 74 anos.
Os contactos con familiares por vídeo-conferencias e os trámites coa administración por Internet tamén son dous hábitos que se incrementaron tras o confinamento.
En función do xénero, en practicamente todos os tipos de contidos sempre é maior a taxa de consumo por parte dos homes que entre as mulleres, con algunhas poucas excepcións onde se pode dicir que a taxa de consumo é practicamente idéntica como os libros electrónicos ou as imaxes dixitais. “A brecha entre a taxa de consumo de homes e mulleres é especialmente grande nos videoxogos”, engádese.
Asemade, medrou a frecuencia de consumo dos distintos tipos de contido. Durante o confinamento, de maneira moi destacada (65,8%) incrementouse a de películas e series. Actualmente, esa suba prodúcese sobre todo no consumo de xornais e revistas dixitais (48,3% de quen len faio a diario). De igual maneira, un 44, 9% de quen escoitan música por medios dixitais tamén o fai acotío.

PUBLICIDADE