O congreso de estatística da UDC inclúe unha visita á Cidade das TIC e unha sesión plenaria do divulgador Sáenz de Cabezón

mércores, 25 de outubro do 2023 S. P.

O departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña organiza, xunto coa Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO), o XVI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións 2023. Será entre os días 26 e o 28 de outubro na ETS de Camiños, Canais e Portos. Segundo explica a UDC, trátase da terceira vez que a cidade da Coruña acolle este evento, de carácter bianual, despois de que no ano 1993 se celebrase o primeiro congreso e no 2013 o décimo primeiro.
A cita desta sexaxésima edición engloba tamén a celebración das I Xornadas de Innovación Docente na Estatística e Investigación de Operacións, dirixidas a profesorado de ESO, bacharelato e universidade.
A programación do evento inclúe a celebración de conferencias, mesas redondas, obradoiros e comunicacións, ademais de actividades de carácter cultural, como unha recepción no Concello da Coruña ou as visitas á recentemente inaugurada Cidade das TIC, Inditex ou o Pazo de Capitanía Xeral da Coruña.
O obxectivo deste congreso é “contribuír á divulgación dos avances na teoría, nas aplicacións e na didáctica da estatística e da investigación de operacións”.
Sáenz de Cabezón
O sábado día 28, ás 12:00 horas e xusto antes do acto de clausura, o evento contará cunha sesión plenaria na que Eduardo Sáenz de Cabezón, recoñecido matemático e divulgador científico, impartirá un relatorio que leva por título O espellismo da maioría. Sáenz de Cabezón é profesor titular de Matemáticas e Computación na Universidade da Rioja, ademais de colaborar en distintos medios de comunicación, como a televisión (Órbita Laika, La Aventura del Saber, TIPS), a radio (SER, Onda Cero, Radio Nacional de España) e prensa escrita (Yorokobu, El Confidencial). Tamén traballa como guionista e presentador do canal de Youtube Derivando, dedicado ás matemáticas, e que conta con máis dun millón de subscritores. Vén de publicar o seu último libro Invitación al aprendizaje, e é autor doutras obras como Inteligencia matemática, El Árbol de Emmy ou Apocalipsis matemático, ademais de ser coautor de Gardner para aficionados: juegos de matemática recreativa.
A asistencia a esta conferencia ten carácter gratuíto e está aberta a toda a comunidade universitaria.

PUBLICIDADE