O congreso Organización 2.0 achegará recursos para minimizar nas nosas empresas os problemas relativos á I+D

venres, 11 de outubro do 2013 Redacción

Este 22 de outubro celébrase en Vigo unha das grandes citas TIC da tempada, o congreso Organización 2.0. Trátase dun encontro sobre tecnoloxías da participación, redes sociais, comunidades e emprendemento, todo dende unha óptica empresarial e cun claro interese en buscar xeitos de aproveitar estes recursos a prol da produtividade e a competitividade. O evento celebrarase nas instalacións do Consorcio da Zona Franca de Vigo en Bouzas e vén da man da con consultoría de mercadotecnia Comasis e a consultoría de innovación Inova, constado dun programa de mañá e tarde. Precisamente a delegada do Estado para a Zona Franca, Teresa Pedrosa, comunicou os días pasados que será a encargada de inaugurar a xuntanza, cuxo programa, como dixemos, fará fincapé nas múltiples potencialidades e vantaxes das solucións 2.0 para contribuír ao desenvolvemento produtivo das organizacións.
No que se refire ao programa, dicir que durante a sesión da tarde, con inicio ás 16:00 horas, varios relatores de recoñecido prestixio, entre os que se atopan Carlos Ardao, director de Enxeñería Telemática na Universidade de Vigo e Socio Fundador de SocialWire Labs, Natalia Rodríguez, actualmente en MRI-International e The Knowledge Agents Alliance, e José Manuel Castro, responsábel de Vixilancia Competitiva en IGAPE e experto en organización industrial; explicarán como as ferramentas 2.0 e as contornas colaborativas poden contribuír a reducir os problemas relativos ao I+D+i cos que se atopan as organizacións.
Máis en detalle, José Manuel Castro explicará o denominado Proxecto Alerta cuxo principal obxectivo é desenvolver unha plataforma de vixilancia competitiva co fin de permitir aos seus membros identificar e analizar información sobre as actividades dos competidores, así como as tendencias do sector. Pola súa banda, Natalia Rodríguez amosará diversas ferramentas 2.0 para a xestión do I+D.
Segundo se informa dende a Zona Franca, o congreso foi ideado cunha clara orientación práctica, para que os asistentes poidan explorar de primeira man as múltiples posibilidades da Organización 2.0. As actividades comezarán ás 9:00 co acto de inauguración. De seguido iniciaranse os diversos relatorios onde os expertos abordarán a temática das redes e sistemas 2.0 en relación coa produtividade, a intelixencia colectiva e a xestión da información. O módulo da mañá rematará sobre as 14:30.
A día de hoxe, a listaxe de relatores (que se prevé que vaia medrando co paso dos días) está constituída por Alejandro Vázquez, Luis Calvo, David Silva, Xavier Orozco, Alberto Casal, Tamara Blanco, Ana Neves, José Gil de Bernabé, Antonio Soto, Carlos Latourrette, Patricia García, Mario Cernadas, José Manuel Castro, Natalia Rodríguez, Carlos López Ardao, Nerea Míguez, Jesús Ruiz e Diego Gómez. O acto estará conducido por Gonzalo Garre. Os interesados en acudir deben formular a súa inscrición na web de Comasis ou chamando ó 981 173 323. A asistencia ó congreso é de balde e inclúe aparcadoiro, almorzo e comida. O número de prazas é limitado.

PUBLICIDADE