O congreso IDEAL premia un artigo sobre robótica colaborativa do Campus de Ferrol

martes, 17 de novembro do 2020 Redacción

A XXI edición da International Conference on Intelligent Data Engineering and Automated Learning (IDEAL 2020) celebrada os días 4, 5 e 6 de novembro en Guimarães (Portugal) premiou o artigo de investigación Detecting Performance Anomalies in the Multi-Component Software Collaborative Robot do grupo Ciencia e Técnica Cibernética da Universidade da Coruña (Campus de Ferrol) na categoría de mellor aplicación de aprendizaxe máquina (Machine Learning).
Héctor Quintián, Esteban Jove e José Luis Calvo Rolle, integrantes do grupo de investigación Ciencia e Técnica Cibernética da Universidade da Coruña, asinan un traballo no que tamén colaboraron Nuño Basurto, Carlos Cambra e Alvaro Herrero, membros do grupo de Intelixencia Computacional Aplicada da Universidade de Burgos, e Emilio Corchado, do grupo de investigación en Bioinformática, Sistemas Informáticos Intelixentes e Tecnoloxía Educativa da Universidade de Salamanca.
Tal e como explican os propios autores, no eido da robótica colaborativa, “a detección de anomalías xoga un papel crucial para asegurar o correcto desempeño dos distintos actuadores”. Nesta liña, os investigadores propoñen un sistema que permite detectar o mal funcionamento dun robot botando man dos seus compoñentes. Segundo reflicte a UDC, este sistema apicado a partir do uso de técnicas de Intelixencia Artificial obtivo xa grandes resultados á hora de identificar situacións anómalas.

PUBLICIDADE