O concurso de Caixanova para Novos Emprendedores celebra mañá a final en Vigo

venres, 4 de abril do 2008 Raquel Noya

Mañá sábado, 5 de abril, o Centro Social Caixanova en Vigo vai acoller a final da segunda edición do certame Play! Desafío para os Novos Emprendedores, do que xa demos conta ás portas da celebración da súa última etapa, e que agora celebra a fase final, na que cinco equipos aspiran a levar o primeiro premio.
Os finalistas son os que mellor xestionaron a súa empresa en cada unha das provincias galegas e o norte luso, representado pola Escola Secundária/3 Aurélia de Sousa de O Porto.
As provincias galegas están representadas polos institutos de O Carballiño (Orense), o de San Tomé de Freixeiro, de Vigo (Pontevedra), o de Foz (Lugo) e o David Buján de Cambre (A Coruña).
Estes cinco equipos finalistas terán que decidir mañá os plans estratéxicos dos tres últimos anos das súas empresas, máis desta volta estarán incomunicados co exterior, sen a axuda do seu titor ou titora e co tempo limitado.
A sesión dará comezo ás 10:30 horas e ten previsto rematar a partires das 16:30 horas logo de que os equipos rematen co plan estratéxico do último ano.
O equipo vencedor desta segunda edición recibirá un ordenador portátil para cada un dos seus integrantes e unha beca de estudos achegada pola Escola de Negocios Caixanova, valorada en 6.000 euros e que ten unha validez de 10 anos.
O profesor ou profesora que asumira as as labores de titorización do equipo gañador tamén recibirá un ordenador portátil, e o seu colexio un equipo informático.

PUBLICIDADE