O concurso Ciberseguridade no cole! xa ten gañadores

mércores, 10 de novembro do 2021 Redacción

Os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP San Martiño e de 2º da ESO do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, foron os gañadores en cadansúa categoría do concurso Ciberseguridade no cole!, cuxa final se celebrou esta tarde na Cidade da Cultura, dentro do encontro galego de ciberseguridade, Ciber.gal.
A directora da AMTEGA, Mar Pereira, participou na entrega de premios na que destacou o nivel demostrado polos participantes, felicitou aos gañadores e tamén aos profesores e os centros educativos por fomentar a participación no concurso e o bos resultados, reflexo do traballo nas aulas.
Pereira sinalou que a celebración deste tipo de actividades é fundamental para fomentar ás vocacións tecnolóxicas e o talento dixital. Lembrou que o sector tecnolóxico ten unha demanda moi elevada de novos especialistas e que precisamos dunha canteira de talento especializado para afrontar a transformación dixital.
Esta primeira edición do concurso Ciberseguridade no cole!, promovida por Telefónica, pechouse cunha alta taxa de participación con máis de 1.600 rapaces e rapazas en 67 equipos entre as dúas categorías, correspondéndose con 42 equipos de primaria e 25 de secundaria, pertencentes a 38 colexios, 23 de educación primaria e 15 de educación secundaria.
Tras o concurso a xornada continúa co taller Navegando con rumbo polo ciberespazo, impartido polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia e o obradoiro Ciberseguridade para as familias: mediación parental activa, impartido por Fernando Villar, formador da Garda Civil.

PUBLICIDADE