O concerto Piano solo entre árbores de Abe Rábade, dispoñíbel no Portal da Lingua
venres, 22 de xaneiro do 2021
O
pianista galego Abe Rábade, unha das grandes figuras do jazz estatal
e internacional, protagoniza estes días unha das máis singulares
actividades adheridas ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021,
impulsado pola Secretaría de Política Lingüística. Estamos
a falar do concerto en liña Abe Rábade. Piano solo entre
árbores, que pode verse dende xa no Portal da Lingua Galega.
O audiovisual foi
presentado este xoves 21 no Pazo de San Roque, en Santiago, nun acto
que contou coa presenza do propio artista e do secretario xeral de
Política Lingüística, Valentín García, quen enxalzou “a
longa traxectoria de Abe Rábade na creación do jazz galego”.
Tamén
loou a súa aposta por unir a lingua do país que el emprega acotío
cun xénero musical “nacido fóra das nosas fronteiras e que, por
certo, ten presenza en máis proxectos do Fondo Xacobeo 2021”.
O
secretario xeral indicou “que non hai mellor maneira de demostrar
que a nosa lingua, tan acaída para a expresión da cultura
tradicional e autóctona, está aberta e é perfectamente válida
tamén para incorporar todas aquelas cousas boas que nos poidan
chegar de fóra”.
Xunto
con Valentín García participaron na presentación o pianista e
compositor de jazz Abe Rábade e Rosa Salgado, representante de
Miraxe, Sociedade Cooperativa Galega, que produciu o concerto.
Piano
solo entre árbores
Abe
Rábade interpreta no audiovisual o que cualificou Valentín García
como “un repertorio único”, seleccionado e traballado durante o
confinamento, que inclúe as seguintes pezas: Liberación, Desexo,
Ham-Dam. Improvisation e Freixo. O concerto foi gravado ao
aire libre, nun espazo arborado da parroquia rianxeira de Asados, o 4
de novembro de 2020.
A
interpretación das catro composicións sinaladas vai precedida dunha
presentación a cargo do músico.
O autor
O
pianista e compositor Abe Rábade (Santiago de Compostela, 1977)
licenciouse cum laude en 1999 en Jazz Composition e Piano
Performance polo Berklee College of Music de Boston (EEUU) e
actualmente é profesor de dous conservatorios de música superiores
de Galicia e de Portugal, ademais de ofrecer clases maxistrais en
distintos centros da Península Ibérica.
Publicou
14 discos como líder, tres composicións para grandes formatos e
outras tres poético-musicais. Recibiu unha decena de premios e actúa
habitualmente con figuras de recoñecido prestixio internacional en
múltiples concertos e festivais de todo o mundo.
O
audiovisual Abe Rábade. Piano solo entre árbores forma parte
dos recursos dixitais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021,
un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua
galega creado pola Xunta no marco do Plan de reactivación do sector
cultural fronte aos efectos derivados da COVID-19.