O complexo de Turgalicia renova a súa cobertura sen fíos para traballadores e visitantes

xoves, 21 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

A empresa galega Emetel Sistemas vén de desenvolver o deseño e a implantación dunha rede sen fíos (wireless) para achegar servizo a todo o espazo do complexo (na imaxe) que Turgalicia, a sociedade de promoción turística de Galicia dependente da Xunta, ten no lugar da Barcia, en Santiago. Segundo informa a firma responsable dos traballos, a infraestrutura habilitada dará conexión de redes e favorecerá a comunicación e a mobilidade dentro de área de traballo a máis de 200 persoas. En total, equipouse con rede sen fíos ás seguintes dependencias: as propias oficinas de Turgalicia, a Escola Superior de Hostalaría, a Residencia de Estudantes, os obradoiros e as cociñas. Con todo, o alicerce que sostén o despregamento é un alicerce aberto. É dicir: non só se poderán beneficiar do servizo os traballadores, mestres ou alumnos que desenvolvan o seu día a día no complexo, senón todos os visitantes e de xeito gratuíto. De feito, informa Emetel, o sistema permite habilitar dunha maneira rápida e sinxela, dende a propia recepción, distintos perfiles de usuario.
O obxectivo do proxecto foi duplo: por unha banda favorécense as comunicacións no recinto (de grandes dimensións) e, pola outra, mellóranse as condicións de traballo (mobilidade, axilidade, comodidade). Polo que respecta ás redes en si mesmas, dicir que o fin de Emetel (segundo apunta nun comunicado) foi o de ter en conta non só as necesidades presentes de Turgalicia, senón tamén as futuras: “A partir dunha solución de conmutación wireless, logrouse unha xestión integrada de todos os puntos de acceso e, en definitiva, un modelo que achega unha meirande eficacia e seguridade e que abrangue os últimos estándares do mercado”, sinala a firma galega.

PUBLICIDADE