O comparador de prezos móbil OnYouGo pasa a chamarse Radarprice

mércores, 26 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Hai uns meses comentamos a existencia dunha aplicación para dispositivos móbiles que presumía de ser un comparador de prezos insubornable, que aproveitaba a cámara do smartphone para recoñecer códigos de barra, facilitando así a localización de produtos cando estamos mercando en tendas físicas, o que resulta moi práctico para tomar decisións de compra, pero este servizo nacido baixo o paraugas de Conector Startup Accelerator tiña un importante atranco para a súa popularización: un nome bastante complicado para o público xeral (OnYouGo).
Detectada esta carencia os creadores da aplicación, Sergi Arias e Daniel Rodríguez Arias (descendente de Pobra de Trives) decidiron rebautizar ao seu cativo, de xeito que agora responde ao nome de Radarprice, marca que responde moito mellor á utilidade do seu servizo que permite comprar prezos de máis de 15 millóns de produtos (electrodomésticos, móbiles, roupa, cosmética...) dispoñibles en tendas físicas e en liña, o que parece ser un servizo bastante atractivo, segundo demostra o feito de que nos últimos tres meses se escanearan produtos por valor de 5 millóns de euros cunha porcentaxe de aforro do 23% en cada compra.
A nova aplicación de Radarprice, reflectindo o cambio de marca, está xa dispoñible totalmente de balde de Google Play e da App Store.

Vídeo promocional da aplicación móbil de Radarprice

PUBLICIDADE