O comercio da provincia de Lugo collerá impulso este Nadal nas redes sociais

martes, 1 de decembro do 2020 Redacción

A Deputación e a Federación de Comercio de Lugo asinaron un novo convenio de colaboración para o impulso da campaña Este Nadal, o comercio de Lugo máis preto de ti, unha iniciativa con marcada vertente tecnolóxica para a promoción dos establecementos de proximidade e revitalización do tecido produtivo. En concreto, a iniciativa acompáñase da web www.lugonadal.com e dun cancelo, #lugonadal, que complementará a intensa promoción que levarán a cabo os establecementos nas redes sociais.
Os presidentes da entidade provincial e da federación lucense, José Tomé e José María Seijas, foron os encargados de formalizar a alianza, que ten o obxectivo de “promover as compras nos pequenos comercios ao tempo que se fortalece a seguridade sanitaria”. A Deputación achega á campaña 52.000 euros. En total, bríndase apoio a 5.500 comercios da provincia.
Tomé fixo saber que esta nova colaboración enmárcase no compromiso da Deputación de “traballar da man cos propios sectores produtivos para axudar na recuperación do emprego e da actividade económica da provincia”. Nesta liña, explicou que a institución provincial dedica 30 M€, un terzo do total do orzamento, a Políticas Sociais “porque cremos que é o mellor modo de garantir a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, sobre todo dos máis vulnerábeis”.
Tomé Roca animou á veciñanza a facer as súas compras de cara ao Nadal “nos comercios da súa localidade ou do seu barrio, nas tendas que teñen máis preto, coa seguridade de que cada transacción terá así un dobre valor, o valor do agasallo que lles facemos a familiares ou amigos nun ano tan complicado, e o valor engadido de saber que contribuímos a manter postos de traballo, a manter o noso estilo de vida e manter a nosa identidade como provincia”.
A campaña desenvolverase dende o 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Durante estes días, as persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia participarán no sorteo de 40 premios por valor de 10.000€, que poderán reinvestir en novas compras dos comercios adheridos á campaña. Concretamente, serán 20 tarxetas agasallo de 300€ e outras 20 tarxetas de 200€. Así mesmo, durante este período os comercios incentivarán as compras nos seus locais con material promocional nas rúas e baixo o cancelo #lugonadal en redes sociais.
Como participar
Unha vez feita a compra nun comercio local, as persoas interesadas deberán fotografar e rexistrar o seu tícket de compra en www.lugonadal.com ou solicitar o seu rexistro ao comerciante. O sorteo ante notario será o 14 de xaneiro de 2021.

PUBLICIDADE