O colectivo de motomontañismo Os Toxeiros presenta web (aberta e colectiva)

mércores, 3 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

A nova orde de Internet que algúns denominan “a 2.0” (se é que é realmente nova e o que é novo é o noso xeito de ollala), está a chegar a tódolos recunchos onde hai xente farta do Flash e das webs pechadas, dos contidos sen orde e das letras que che obrigan a poñerte a un palmo da pantalla. Este xeito distinto de entender Internet podémolo atopar xa reflectido en determinadas páxinas web da nosa terra onde case perdemos a arela de atopalo. Por exemplo: nos sitios vinculados ó deporte.
Todo isto vén a conto pola web que vén de presentar o colectivo de motomontañeiros Os Toxeiros, un espazo en liña galego que, malia non ofrecer versión na nosa lingua (agardamos que a inclúan en breve, ou a que os membros da asociación se animen a facer as entradas en galego), bota un pouco de aire fresco na “sección deportes” da Internet galega, achegando feitura de blog, limpeza no deseño e, sobre todo, sensación de que hai de verdade alguén ó outro lado da pantalla, resolvendo dúbidas ou achegando datos.
A web, segundo os seus creadores, é un xeito de unir tres mundos que até o de agora ficaban cun aquel de distancia: o montañismo, o trial e máis as redes da información.
O obxectivo da proposta, concibida tendo moi en conta as tendencias actuais do medio internauta (dinamismo, contidos xerados polo propio internauta, etc), é servir de punto de encontro ós afeccionados a estes deportes e, en última instancia, promovelos. A web inclúe apartados que son en si mesmos un reclamo para participar nela de xeito activo, como a sección do concurso fotográfico ou os foros e enquisas sobre trial e motociclismo.
Asemade, déixase unha ampla marxe para resolver as posibles consultas dos internautas e para achegar datos sobre actividades, novas de interese e ligazóns.

PUBLICIDADE