O cloud computing será unha prioridade tecnolóxica para as empresas nos vindeiros 5 anos

martes, 28 de xuño do 2011 Raquel Noya

Segundo o último informe global sobre directores de tecnoloxía 2011 realizado por IBM, nos vindeiros 5 anos, as empresas “apostarán fortemente polo modelo tecnolóxico cloud computing e pola intelixencia de negocio”, algo que era doado de deducir ao tratarse dunha solución en auxe que xera importantes aforros económicos, de tempo e de espazo a todo tipo de usuarios e empresas.
O obxectivo deste estudo, que leva por título Cando o CEO é esencial, era analizar a función do director de Tecnoloxías da Información das empresas: as súas prioridades, o modelo de xestión, a súa conexión co resto da organización... e como non, a crecente importancia do seu papel en calquera entidade que se prece.
Para levar a cabo o informe, o segundo emitido pola compañía, IBM enquisou a máis de 3.000 responsables da área de TI en organizacións de todo o mundo, dos cales 100 eran directores de tecnoloxía españois.
Segundo o mesmo, o 60 por cento dos enquisados empregará durante os vindeiros cinco anos o modelo cloud computing para “mellorar a competitividade das súas organizacións e impulsar o crecemento dos seus negocios”, o dobre dos que o farían no 2009.
Tamén indica que a atención dos directores de TI sobre cloud computing incrementouse substancialmente respecto do estudo anterior, pasando dun terzo que afirmaban ter previsto recorrer a este tipo de solucións en liña no futuro, a máis dun 70 por cento que o farán nos vindeiros anos.
As solucións de mobilidade tamén son prioridades a curto prazo para a maioría dos enquisados, segundo o informe, como consecuencia da proliferación de dispositivos e aplicativos móbiles, con novas e mellores funcionalidades e “cun impacto moi positivo na produtividade das empresas”.
En palabras de David Soto, responsable de IBM Global Business Services, “o estudo é unha mostra de como as capacidades tecnolóxicas poden estar perfectamente aliñadas coas aspiracións e obxectivos dos máximos responsables dos negocios”.
Xa que logo, as compañías con máis éxito serán aquelas que entendan a eficacia das TIC para transformar e mellorar os seus negocios.

PUBLICIDADE