O ciclo en liña de Historias de ida e Volta homenaxea o espírito solidario da emigración galega en Cuba

venres, 31 de decembro do 2021 S. P.

Con motivo do 150 aniversario (este 31 de decembro) da creación da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia (SBNG), centro creado en Cuba para atender aos emigrantes galegos que tiñan problemas de saúde ou de traballo, o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración achegaron na Rede un especial que documenta a traxectoria deste histórico centro. Fixérono a través do ciclo de especiais dixitais Historias de ida e volta, iniciativa do Arquivo do Emigración CCG co apoio da Secretaría Xeral.
Segundo se fai saber no especial, a orixe da sociedade cómpre rastrexala no último terzo do século XIX, coincidindo co medre da colectividade galega presente na illa de Cuba. Neste contexto, un pequeno grupo de emigrantes de gran renome crearon a devandita entidade social para atender a aqueles emigrantes que tiñan problemas de saúde ou falta de traballo e recursos económicos. Naceu o 31 de decembro de 1871 e nos seus estatutos definiuse como “unha institución benéfica, caritativa, protectora e asistencial, con tres prioridades básicas: socorrer con doazóns mensuais os paisanos galegos desvalidos e que estaban sen traballo, facilitarlles asistencia sanitaria en caso de enfermidade e asumir a repatriación para os que tivesen que retornar”.
Neste especial en liña ponde verse documentos que contribúen a entender a importancia que tivo este centro. Exhíbense, entre outros rexistros, a acta fundacional desta entidade, un carné de socio, ou un rexistro de socorros. Un listado de socios numerados que percibían axudas económicas pola súa difícil situación, moitos deles hospitalizados na Benéfica do Centro Galego.
Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En catorce especiais documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

PUBLICIDADE