O ciclo de Faladoiros Feministas da Deputación de Lugo remata este venres cunha sesión sobre igualdade

xoves, 17 de decembro do 2020 Redacción

O ciclo de Ciberfaladoiros Feministas 2020 que organiza a Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo remata este venres 17 coa participación da mestra e especialista en educación en igualdade, Sonia Fernández Casal, que impartirá a charla en liña Desaprendendo o sexismo desde as aulas: o dereito á coeducación. O coloquio abordará a construción dunha escola co-educadora na que se erradique o sexismo, o androcentrismo ou os valores patriarcais no sistema educativo.
Fernández Casal é mestra de Secundaria e responsable de Igualdade no IES Plurilingüe Fontexería. Cursou o Mestrado en Xénero e Políticas de Igualdade pola UDC e foi galardoa co Premio Concepción Arenal polo proxecto educativo de igualdade de xénero Nós tamén navegar.
O encontro retransmitirase a través da canle de YouTube de Nomenklaturas Gestión Cultural, ás 19:30 horas. Está aberto á participación do público a través de Whatsapp no número de teléfono: 690.117.254.
Os Faladoiros Feministas da Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo retomáronse en outubro transformados en Ciberfaladoiros para adaptarse á nova normalidade e darlle a oportunidade á veciñanza da provincia de participar a través de Internet. Os encontros foron organizados para “sensibilizar e avanzar na igualdade real e efectiva, loitar contra a violencia de xénero e empoderar ás mulleres”.
No marco deste ciclo, a periodista Mabel Lozano presentou por primeira vez en Galicia o seu novo libro PornoXplotación de denuncia da trata. Tamén participaron a xurista experta en maternidade, lactancia e dereito sanitario Marta Busquets, a especialista en políticas de igualdade Carmen Castro e a experta en sustentabilidade enerxética Sonia Ramos Galdo.

PUBLICIDADE