O ciclo Outono TIC da aula CeMIT de Ribeira vén con dez cursos de balde para adultos

venres, 2 de outubro do 2020 S. P.

A aula CeMIT de Ribeira anunciou este venres a súa programación para estes meses de outubro, novembro e decembro: un máis que completo feixe de actividades formativas tecnolóxicas para incrementar a alfabetización dixital da cidadanía, a súa autonomía online, as súas posibilidades de atopar emprego e, tamén, os recursos dos que dispoñen para facer fronte á crise da COVID. O ciclo Outono TIC está constituído por un paquete de cursos destinados a persoas adultas do municipio. A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, acompañada do axente TIC Manuel Bello, debullou na mañá deste 2 de outubro un programa que inclúe tantos accións formativas para principiantes como outras máis especializadas, tendo unha duración entre as 6 e as 20 horas.
Entre os cursos para principiantes atópanse os seguintes: Whatsapp desde cero, Facebook desde cero, Instagram desde cero e Coñece o teu móbil, neste último caso con dous cursos, un en outubro e outro en decembro. Ademais haberá outras ofertas sobre informática básica, retoque de imaxe (GIMP), sede electrónica, ofimática na nube (Google Drive) e Libreoffice (Write, Calc e Impress).
Aquelas persoas interesadas poden inscribirse a partir do luns 5 de outubro ben na propia Aula CeMIT (teléfono 981 876 043) situada en Cubeliños ou ben na páxina web do centro. Barreiro e Bello engadiron que “dadas as limitacións COVID cada curso ten un aforo de oito usuarios en lugar dos doce habituais”.
Rede Araña
Ademais, Ana Barreiro avanzou que o Concello está en xestións para poder albergar unha semana en outubro e outra en novembro unha colaboración da iniciativa Rede Araña, destinada a mellorar as competencias dixitais das persoas en situación de desemprego, con tres eixes diferenciados: Aulas TIC, Mullet TIC e Brúxula, esta última enfocada en usuarios con problemas de drogodependencia. De frutificar tales xestións, darase cumprida conta das datas e o contido específico desta colaboración.

PUBLICIDADE