O ciclo Os mércores de Tecnópole achegará de balde unha auditoría de imaxe na Rede

luns, 13 de xaneiro do 2014 Redacción

O Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, situado no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, vén de anunciar o seu propósito de achegar aos asistentes á sesión deste mércores 15 de xaneiro -inserida no ciclo Os mércores de Tecnópole- dun informe gratuíto coa análise da súa imaxe corporativa na Internet e indicacións prácticas para incrementar a súa visibilidade e mellorar o seu posicionamento na Rede. Emporiso, só accederán gratis a esta auditoría de imaxe na Internet aquelas empresas que confirmen a súa asistencia ao dito ciclo.
Deste xeito, a empresa de Tecnópole protagonista desta sesión do ciclo (Goal Comunicación) achegará aos asistentes deste mércores unha visión non só práctica, senón 100% personalizada, do que pode aportar a creación dunha boa imaxe en Internet ás vendas dunha empresa. Goal Comunicación instalouse hai menos de dous meses na sala de coworking do Parque Tecnolóxico de Galicia, un espazo de traballo colectivo habilitado para facer máis doada a actividade de profesionais independentes. Esta empresa será a encargada de inaugurar a primeira sesión do ano do ciclo Os mércores de Tecnópole, organizado pola Tecnópole para contribuír a poñer en valor a innovación das súas empresas. Como exemplo: os buscadores (Google, á cabeza de todos) son os recursos máis empregados polos internautas para buscar información, así: o 45% elixe o primeiro resultado do buscador e o 68% non pasa da primeira páxina, aí radica a importancia de que as empresas teñan un bo posicionamento na Rede.
A fundadora desta iniciativa emprendedora, Alba Adá, explicaralles aos asistentes os beneficios que unha axeitada estratexia de comunicación 2.0 (redes sociais) e marketing en liña poden ter sobre o volume de negocio dunha empresa, con especial atención ás PEME. Asemade, presentará os resultados dun estudo realizado pola empresa sobre a reputación online das empresas dos tres polígonos industriais da comarca de Ourense, no que se analiza a súa presenza na Internet e a eficacia das súas estratexias de comunicación e marketing dixital.

PUBLICIDADE