O ciclo Conecta LAB mostrará na Rede as experiencias de 14 creadores
luns, 4 de abril do 2022
Este luns 4 de abril reuníanse o director da Axencia
Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, máis
o presidente e o secretario da Asociación Galega de Profesionais da
Dirección e Realización CREA, Fon Cortizo e Álvaro Gago, para
achegar detalles relevantes do
ciclo Conecta LAB de
encontros profesionais en liña. O programa, que conta coa axuda da
Fundación SGAE, artéllase
arredor de sete sesións a través da plataforma Zoom, nas que 14
multifacéticos creadores compartirán as súas opinións de cara ao
proceso creativo no cinema e na televisión.
Os encontros desenvolverase entre o 7 de abril e o 11 de xuño.
Engadir que existe un límite máximo de 100 persoas, con prioridade
para as pertencentes á asociación.
A primeira das citas será o xoves 7 de abril, e nela afondarase no
financiamento, produción, distribución e venda de proxectos
autorais da man da directora, guionista e produtora Andrea Jaurrieta,
quen debutou coa premiada Ana de día. Logo, o 12 de abril
haberá unha mesa redonda sobre procesos creativos no cinema de
animación cos realizadores Gabriel Bohmer, Khris Cembe e Camila
Kater.
O 21 de abril será a quenda das series nunha sesión protagonizada
por Claudia Costafreda e Mikel Rueda para falar dos seus traballos
Cardo ou Veneno, respectivamente. O día 28
desenvolverase outra mesa redonda coas creadoras Heidi Hassan,
Patricia Pérez e Nuria Giménez sobre os procesos na non-ficción,
no cinema do eu e na montaxe a partir de material de arquivo (found
footage e collage animado).
Xa en maio, o día 19 Ana Pfaff e Ariadna Ribas, do colectivo
Dostopos, tratarán sobre montaxe e procesos de creación colectiva;
o día 26 Neus Ballús e Gerard Oms reflexionarán sobre o traballo
con actores e actrices naturais empregando como base a experiencia
conxunta no filme Sis dies corrents. O actor, profesor e
director teatral Víctor Duplá pechará o ciclo Conecta LAB cun
obradoiro práctico sobre o traballo cos intérpretes, que será o 11
de xuño en horario de mañá e tarde.