O certame galego de curtas co móbil poderase seguir en todo detalle a través do Facebook

martes, 31 de xaneiro do 2012 Redacción

As secretarías xerais de Medios e Modernización convocaron a finais de 2011 a primeira edición do Concurso de Curtas co Móbil, un certame dirixido á mocidade galega de Secundaria e de Bacharelato (co obxectivo de estimular o pulo creativo dos participantes a través de cadanseu móbil) e do que podemos informarnos xa, en tódolos seus detalles, no sitio en Facebook do departamento que dirixe Mar Pereira. Neste sitio, amais de achegarse un seguimento inmediato, 2.0, ás novidades referentes á Secretaría Xeral de Modernización, poderemos ter un contacto estreito co devir do certame, non só a través da achega de pezas propias a concurso, senón dando conta de tódolos vídeos que se presenten, que poderemos valorar a través da ferramenta Gústame de Facebook a partir do 7 de marzo.
O concurso, que ten o prazo para a presentación de candidaturas aberto até o 29 de febreiro, convócase por vez primeira na Administración autonómica a través do Facebook da web de Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica. As bases completas da iniciativa tamén poderán consultarse no seo do devandita rede social. O certame vén da man da rede de centros CeMIT, por iniciativa das aulas dos concellos de Vimianzo e Abegondo. Por certo que quen queira inscribirse deberá facelo na aula CeMIT máis próxima ou ben na web da devandita rede CeMIT.
Neste I Concurso de curtas realizadas co móbil os mozos da ESO e Bacharelato que teñan entre 14 e 20 anos poderán participar, de xeito individual ou colectivo, e amosar “a súa destreza cinematográfica coa gravación de curtas orixinais cunha temática que exprese aqueles valores e ideas relacionadas coas funcionalidades que ofrece a rede de aulas CeMIT como referente no acceso á formación en novas tecnoloxías e o seu impacto na vida cotiá”, segundo apuntaron as devanditas secretarías xerais no acto de presentación da iniciativa.
Tanto os alumnos das obras seleccionadas como o centro educativo ao que representan poderán optar a unha serie de premios, tanto a nivel provincial como autonómico. Así, o centro educativo gañador a nivel provincial será obsequiado cunha cámara dixital compacta e o equipo gañador recibirá ata un máximo de 5 iPod, que poderán ser distribuídos, a criterio do titor, no caso de que o grupo que presenta a curtametraxe estea formado por un número superior de integrantes.
A nivel autonómico entregaranse distintos premios aos centros educativos gañadores: no caso de quedar en primeiro lugar, o premio consistirá nun Netbook; e no caso de quedar en segunda posición o premio será unha videocámara.

PUBLICIDADE