O certame de modelado 3D co teléfono móbil da USC xa conta con participantes de dúas ducias de países

luns, 24 de febreiro do 2014 Redacción

O certame galego D3Mobile Metrology World League, lanzado dende o campus de Lugo (Grupo de Investigación para a documentación en 3D, USCAN3D) para incentivar a creatividade dos mozos arredor do modelado de precisión co teléfono móbil, xa conta con participantes de dúas ducias de países, logo da posta en marcha en xaneiro da edición 2014 do evento, de meirande alcance internacional. O equipo organizador do certame, dirixido polos profesores Mariluz Gil Docampo e Juan Ortiz, informa que xa “espertou o interese de profesores e alumnos pertencentes a 142 centros educativos de 24 países de Europa, América, Asia e África”.
Segundo engaden, “os máis de 200 equipos participantes nesta segunda edición do campionato xa comezaron a traballar, aplicando os seus coñecementos de matemáticas, física, debuxo, informática e tecnoloxía a un xogo de investigación no modelado 3D de precisión, a metroloxía e a fotogrametría”. O certame, dirixido a escolares nacidos entre 1996 e 1998, diríxese como dixemos a impulsar e reforzar vocacións científicas apoiándose nun instrumento presente xa nas vidas de tódolos futuros investigadores do día da mañá: o aparello móbil (que será o elemento co que fagan cadanseus deseños industriais e científicos en 3D). Asemade, o concurso encamíñase “a divulgar a importancia que para a sociedade moderna ten a metroloxía, a cultura xeográfica ou a accesibilidade, ademais de darlle un pulo á promoción da Universidade de Santiago de Compostela entre todo o colectivo escolar”.
Os participantes deberán levar a cabo dúas probas nas que terán que efectuar medidas sobre diversos obxectos. A segunda das probas permitiralles obter un modelo 3D que será valorado por votación popular de todo o público do campionato durante o mes de maio. Os equipos que realicen mellores medicións e reciban máis votos poderán gañar algúns dos premios, entre os que se atopa este ano unha raqueta doada por Rafa Nadal e cun autógrafo do tenista balear.

PUBLICIDADE