O certame de Curtas co Móbil elixirá gañadores mediante votación en Facebook

mércores, 10 de decembro do 2014 Redacción

A AMTEGA vén de publicar hoxe en Facebook os cinco vídeos finalistas do concurso Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020 para que até o 19 de decembro calquera internauta poida votar o vídeo que considere que mellor representa o futuro de Galicia a través das TIC. Os vídeos gañadores serán os dous que máis gústame obteñan dentro do apartado.
O certame Curtas co Móbil, dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou Bacharelato de Galicia, de entre 14 e 18 anos é unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a futura estratexia tecnolóxica global da Xunta.
Presentáronse un total de 44 curtas de 16 centros educativos das catro provincias galegas, realizados por mozos e mozas en grupos dun máximo de 5 persoas. Os participantes amosan a súa destreza cinematográfica nun vídeo dun máximo de 3 minutos de duración no que relatan como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro.
Os vídeos recibidos foron valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Novas Tecnoloxías, formado por 2 representantes da AMTEGA, 1 representante de la Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de ESO/Bacharelato, que preseleccionou cinco vídeos finalistas.
O premio consistirá nunha tableta para cada alumno responsable do vídeo máis votado e unha minitableta para cada un dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado. Ambos os dous vídeos serán publicados como gañadores no Blog XenteDixital e en Facebook.

PUBLICIDADE