O certame Ciencia en Acción reunirá en Santiago a centos de investigadores de España e Portugal

venres, 9 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

O IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela vaise converter no primeiro centro de ensinanza que dea acubillo ao certame Ciencia en Acción, un evento que, como o seu nome indica, vai encamiñado a xerar máis escenarios e máis pulo divulgativo ao servizo da investigación. O certame, que se celebrou previamente en museos, centros de I+D ou parques científicos, ten xa unha década de experiencia como espazo de encontro para investigadores de España e Portugal. Segundo fixeron saber os responsables do evento esta semana con motivo da presentación desta convocatoria, que se elixira Santiago para dar acubillo á xuntanza non é un feito casual, sobre todo tendo en conta a celebración do Ano Xacobeo e as posibilidades de mobilización social e cultural que este achega. Ciencia en Acción, que se desenvolverá entre o 1 e o 3 de outubro, conta a nivel galego co apoio da Dirección Xeral de I+D e máis a Tecnópole, que é o axente patrocinador e que conta xa con ampla experiencia neste tipo de convocatorias a prol do coñecemento, sendo Galiciencia (feira de I+D para a nosa mocidade) un caso ben salientable.
A idea básica de Ciencia en Acción é reunir a centos de estudantes, profesores e investigadores procedentes de toda España e Portugal, procurándose o clima divulgador máis axeitado para achegarlle á sociedade as vantaxes e logros do actual coñecemento investigador.
“O seu principal eixe”, sinalan os responsables, “é o concurso de proxectos, que serán amosados baixo a fórmula dunha feira científica e tecnolóxica e que servirá de apoio a relatorios e outras actividades de demostración e de lecer, entre as que se incorporarán mesmo obras de teatro científico”. Este concurso internacional inclúe 14 modalidades e un galardón de 1.500 euros para quen se impoña en cada unha das categorías. O prazo para participar ficará aberto até o 15 de maio, e ao certame poderanse presentar mestres de tódolos tipos de ensinanza, divulgadores científicos ou calquera persoa interesada na formación e a divulgación da ciencia. O único requirimento é que os proxectos que se presenten poñan en xogo ideas innovadores ao servizo da comunicación investigadora.

PUBLICIDADE