O centro atlanTTic inaugura un ciclo de xornadas sobre tecnoloxía e igualdade

martes, 12 de decembro do 2023 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) organiza hoxe, con financiamento do Distintivo de Igualdade da Unidade de Igualdade da UVigo, a xornada Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico coa que dará comezo un ciclo de conferencias e coloquios sobre esta temática. O obxectivo é “concienciar a sociedade sobre as vantaxes das tecnoloxías inclusivas, xa que o futuro só se pode construír en igualdade se a tecnoloxía tamén se crea e usa dese xeito”, sinala o centro da UVigo.
Esta primeira xornada, que terá lugar na Sala 1 do Edificio Miralles da Universidade de Vigo e poderá seguirse en directo a través de UVigo-TV, comezará ás 11:00 h coa presentación oficial do evento a cargo de Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, e representantes da Universidade de Vigo, da Unidade de Igualdade e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Ás 11:20 comezará a mesa redonda que contará coa participación de Cristina Cuerno Rejado, catedrática da UPM e directora da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio (ETSIAE) da UPM; Elena Beatriz Martín Ortega, coordinadora do Máster universitario en Enxeñaría Aeroespacial da UVigo; Yanina Hallak, directora executiva e co-fundadora de UARX Space; Laura Rodríguez Rodríguez, enxeñeira de telecomunicación de UVigo e Airbus Defence and Space, e Uxía García Luis, investigadora do grupo GTA de atlanTTic e primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial pola UVigo. A mesa redonda estará moderada pola investigadora e docente Edita de Lorenzo Rodríguez, enlace de igualdade de atlanTTic na UVigo.
Para rematar a xornada están programadas varias dinámicas de grupo e unha quenda para o debate e a reflexión sobre os asuntos tratados nas conferencias e outros que se propoñan relacionados coa temática da xornada.
Actividades impulsadas polo Distintivo de Igualdade da UVigo
O centro atlanTTic sumouse este ano á lista de centros da UVigo que contan co Distintivo de Igualdade polo que se recibe financiamento para celebrar este tipo de xornadas no marco das axudas que concede a Unidade de Igualdade da UVigo para a organización de actividades de promoción activa e permanente da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
O centro acadou esta distinción na terceira edición desta convocatoria, que ten como obxectivo recoñecer, impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros, facultades e escolas universitarias, a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido.
As vindeiras xornadas que está previsto realizar centraranse noutros ámbitos da enxeñaría e das tecnoloxías de telecomunicación, e convidarase a profesionais de ámbitos tecnolóxicos para falar arredor dunha temática relacionada, así como para presentar as súas experiencias.

PUBLICIDADE