O centro atlanTTic abre as súas portas á cidadanía e ao estudantado de ESO, Bacharelato e FP

venres, 13 de outubro do 2023 S. P.

Achegar ás persoas o labor de investigación tecnolóxico no eido da Telecomunicación é o obxectivo dunha nova edición de Conecta con atlanTTic, unha xornada de portas abertas que se levará a cabo o vindeiro venres 20 de outubro na dita sede do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic.
Esta proposta permitirá que ao longo da mañá os centros escolares de Vigo e da contorna e, pola tarde, de 16 a 19h o público xeral se poidan achegar até atlanTTic. Máis de 100 estudantes de ESO, Bacharelato e FP coñecerán de preto o equipo e as instalacións, situadas na EE de Telecomunicación, e os seus principais proxectos no eido das comunicacións, servizos dixitais e ciberseguridade. Os centros escolares que estean interesados poderán coñecer as instalacións, laboratorios e liñas de traballo que se desenvolven neste centro. Alén disto, o martes 17 de outubro instalarase un posto informativo na rúa Príncipe de Vigo, diante do Museo Marco en horario de 16 a 20 horas no que se farán varias demostracións: avances en comunicacións 5G cun dron e con Santi, o can robot, un modelo cuadrúpedo que conta cunha mobilidade moi ampla e con tecnoloxía 5G; e membros da asociación UVigo Spacelab amosarán as súas maquetas e proxectos máis recentes de nanosatélites.
“Estamos encantados de organizar xornadas como esta”, sinala o director de atlanTTic, Martín Llamas, “porque nos dá a oportunidade de amosar ao público xeral e a estudantes que queiran encamiñar o seu futuro no noso campo, como é o noso traballo e como se reflicte en melloras reais para o sociedade. É un encontro que levamos facendo desde 2018 e que, este ano presenta dúas novidades: ampliamos o noso horario a mañá e tarde, favorecendo así a visita do alumnado de ESO, Bacharelato e FP e, por primeira vez, trasladámonos ao centro da cidade para achegarnos á xente da rúa”.
Indo ao miolo de Conecta con atlanTTic, durante a visita aos laboratorios faranse referencias nacionais e europeas, que forman parte das instalacións do centro, como o de seguimento de satélites no que ademais da visita guiada, poderán participar nun obradoiro e no seguimento do Lume-1, satélite que se encarga de ofrecer informacións na loita contra incendios. Outro dos laboratorios que están a disposición do público é o de Acústica, coa visita guiada á sala de control non-environment e á sala semi-anecoica, así como ao laboratorio QOPHI, centrado na investigación e deseño de dispositivos fotónicos integrados, no que coñecerán máis sobre á revolución que supoñen os chips que empregan esta tecnoloxía.
Asemade, os investigadores e investigadoras amosarán ao público dun xeito ameno e interactivo, algúns dos proxectos desenvolvidos no centro vinculados coas comunicacións 5G, ópticas e vía satélite, ou proxectos como Panoramix, capaz de diagnosticar a demencia a través do xogo, e o asistente conversacional CELIA, un chatbot con empatía para entreter e acompañar a persoas maiores. Tamén sistemas de radar e xeoposicionamento; a aplicación SignaMed, que traballa no recoñecemento automático de lingua de signos para facilitar a comunicación coas persoas xordas; e Lightboard, un taboleiro de cristal luminoso para a educación dixital.
As persoas interesadas en asistir ao Conecta con atlanTTic (ben sexan centros escolares, ben particulares) deberán inscribirse con anterioridade na ligazón específica habilitada, e entre todas e todos os visitantes sortearase un paquete de agasallos promocionais do centro.

PUBLICIDADE