O centro Gradiant une forzas coa fronte empresarial AEI-Ciberseguridade

luns, 1 de setembro do 2014 Redacción

O centro tecnolóxico Gradiant formalizou este mes de agosto a súa incorporación á Agrupación Empresarial Innovadora para a Seguridade das Redes e os Sistemas de Información (AEI-Ciberseguridade). A adhesión do centro galego á devandita entidade foi cualificado polos responsábeis de aquel como “un fortalecemento da aposta de Gradiant por ofrecer solucións innovadoras de seguridade e privacidade, co obxecto de achegar control total sobre datos confidencias para cidadáns e para empresas”.
Lembrar que esta aposta do centro galego pola ciberseguridade non é absoluto nova, e xa se ten materializado en iniciativas como a desenvolvida con Coremain para dotar de meirande protección á sanidade na nube (proxecto Higea) ou a materialización dunha ferramenta que posibilita transaccións bancarias fiábeis, entre outros moitos proxectos, propostas e realidades. Recordar tamén que AEI-Ciberseguridae reúne a empresas, asociacións, centros de I+D+i e entidades públicas ou privadas interesadas na promoción do sector das novas tecnoloxías, as súas industrias afíns e auxiliares, así como outros sectores emparellados co mesmo, que desexen contribuír aos fins da asociación, no ámbito nacional das tecnoloxías de seguridade. A agrupación conta co impulso do Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO).

PUBLICIDADE