O centro Gradiant celebra este venres o seu quinto aniversario

mércores, 8 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Este venres o centro de investigación Gradiant vai desenvolver os actos oficiais de celebración do seu quinto aniversario. A cita dará comezo ás 12 horas, na propia sede do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), no Edificio CITEXVI do Campus de Vigo. A axenda de actividades arrancará coa intervención de Fernando Pérez, director xeral do centro galego de I+D, que fará un percorrido polos principais froitos recollidos ao longo destes cinco anos de vida e amosará os vieiros futuros a percorrer. Tras Fernando Pérez, será a quenda de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, institución co-responsábel da materialización e posta en marcha do centro, tal e como sinalamos no seu día dende Código Cero.
Volvendo ao programa, dicir que a continuación de Mato, intervirán o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. A xeira de actividades complétase coa presentación dunha obra audiovisual sobre as liñas de traballo e repercusión dos achados do centro galego e cun apagado de velas virtual do seu quinto aniversario.
Como lembraremos, Gradiant púxose en marcha hai cinco anos como un espazo de investigación para (precisamente) xerar máis espazos, vieiros e proxectos de investigación na nosa terra, sobre todo no eido das tecnoloxías do coñecemento. Detrás da súa posta en marcha estivo un padroado composto pola Xunta, as tres universidades galegas e as empresas e entidades Arantia 2010, Arteixo Telecom, EGANET, Egatel, Gsertel, Indra/Soluziona, INEO, R, Telefónica, Televés, Tele2-Comunitel e Tredess.

PUBLICIDADE