O centro AtlantTIC xunta arestora a experiencia e potencialidade de dez grupos universitarios galegos

luns, 30 de setembro do 2013 Redacción

A directora de AtlantTIC, Nuria González Prelcic

A iniciativa AtlantTIC tivo unha liña de saída inmellorábel: un punto de partida con espírito de traballo colectivo. Trátase dun centro de investigación posto e marcha ao abeiro da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e apoiado nun factor tan decisivo como a suma de esforzos. O centro, que comezou a camiñar en 2010 xuntando as arelas duns 150 investigadores (dez grupos a día de hoxe), afronta agora o reto de terse convertido nun foco de coñecemento arredor das TIC e de seguir atopando os camiños axeitados para tirar partido do seu gran potencial. Para saber máis do pasado e do presente de AtlanTIC reproducimos a continuación unha entrevista concedida pola súa directora, Nuria González Prelcic, ao xornalista Xesús Peleteiro.
-Cóntanos que é AtlanTIC...
-Nacemos como unha agrupación de grupos de investigación universitarios, por mor dunha iniciativa da Xunta de Galicia no ano 2008, e constituímonos como centro de investigación en 2010. Con esta estrutura podemos resolver algúns problemas que se nos presentaban de xeito individual a cada grupo de forma común, sobre todo en canto a tarefas de xestión de proxectos, de comunicación ou de captación de talento. E ademais deste xeito podemos cooperar entre os grupos como un todo, abordando proxectos de I+D máis complexos.
-E cales son as liñas principais de investigación de AtlantTIC?
Cubrimos todas as liñas relacionadas coas teleco, desde radiocomunicación, procesado de sinal e enxeñaría telemática. Somos dez grupos universitarios traballando en AtlantTIC, e iso permítenos cubrir bastante ben todo o rexistro das telecomunicacións.
-Non sodes o único centro galego de investigación xurdido de grupos universitarios, na Coruña hai outro como CITIC. Como é a vosa relación con eles? Non hai certa competencia?
-As liñas de investigación que están a seguir os diferentes grupos universitarios que forman o CITIC non se solapan moito coas nosas, e se nalgún intre se dera algún tipo de coincidencia non sería en absoluto un problema. De feito, coido que o seguinte paso debería ser colaborar con eles, establecer canles de colaboración entre ambos os centros. Creo que isto sería bo para a investigación en TIC en Galicia, en realidade. O feito de que en Galicia haxa moitos e moi bos grupos universitarios en canto a TIC pode facer que como comunidade sexamos quen de situarnos moi ben nese novo programa Horizonte 2020. O feito de poder colaborar con eles sería moi interesante. Se puidésemos aproveitar as nosas potencialidades de forma conxunta? Iso sería unha vantaxe enorme.
-Estamos a falar de dous centros de investigación, pero non podemos esquecer os centros tecnolóxicos? Que diferenzas hai entre o voso traballo e o seu?
-Un CI, máis polo miúdo AntlanTIC, está centrado na primeira fase, na base da I+D, que é a Investigación Básica, aínda que nalgún caso estea aplicada a un problema de base. Nesta fase non se pode vender un produto, por así dicilo. Estás aínda desenvolvendo as bases que necesitas para avanzar na I+D. Un centro tecnolóxico, por exemplo Gradiant, traballa nunha fase máis avanzada da I+D, nunha fase na que xa hai coñecemento dispoñible. A través da I+D, os centros tecnolóxicos son capaces de crear produtos. A diferenza básica é que eles poden relacionarse dun xeito moito máis doado coas empresas e traballar en paralelo con elas, para desenvolver o produto final que se vai a comercializar. Isto é algo que non é -ou non debería de ser- un obxectivo prioritario da universidade, e por tanto tampouco dos centros de investigación. Son os centros tecnolóxicos os que deben facelo. Xa custa moito conseguir recursos para a investigación na universidade como para dedicalos a outra cousa que non sexa o coñecemento ou a investigación de base.
-Non hai certo perigo de que se solapen proxectos ou investigacións que deberían cubrir os centros tecnolóxicos? Mencionabas antes a Gradiant, que é a referencia no que respecta ao voso eido e ademais é o voso veciño...
-Non, o contexto é de colaboración total. Como che dicía, cubrimos e debemos cubrir partes distintas do proceso da I+D. Por definición. Tanto os centros de investigación como os centros tecnolóxicos deben de ser aliados, e isto é así no caso de AtlanTIC e Gradiant, que máis que outra cousa son colaboradores. AtlanTIC nunca poderá traballar ao ritmo do mercado como traballa Gradiant, nin poderá dispor do persoal de apoio do que si pode dispor Gradiant, nin pode permitirse enfocar os seus esforzos noutro sitio que non sexa a base da Investigación e o Desenvolvemento. É moi difícil soster todo iso cos fondos que podemos captar... Pola súa propia natureza e pola xestión, que no caso da universidade complícase por ser unha entidade pública.
-En definitiva, falamos dunha forma moi diferente de relacionarse cos mercados, non é?
-Precisamente. Ademais, tampouco a tarefa da universidade ou dos grupos universitarios é a de xerar produtos xunto ás empresas. A tarefa da universidade e dos grupos universitarios é apoiar, si, pero sempre a través de traballos que poñan en valor a investigación de base, non levar a cabo un desenvolvemento dunha tecnoloxía que xa se coñece e entende, nin ser un departamento externo de I+D. Creo que a transferencia tecnolóxica é algo que non nos compete como centro de investigación, e si a outro tipo de institucións ou de empresas por exemplo Gradiant, dos que falabamos antes. Os centros de investigación, por definición, somos parte da Universidade. Nin podemos ter a capacidade de xestionar todo iso como un centro tecnolóxico, nin na miña opinión deberiamos facelo.

PUBLICIDADE