O catedrático de Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

mércores, 14 de outubro do 2015 Redacción

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso de Senén Barro Ameneiro, catedrático no Departamento de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se integra na Sección de Matemáticas e Física do Cosmos. A súa completa a rolda de incorporacións á institución neste ano, no que entraron seis novos académicos de diversas áreas de coñecemento.
O discurso de ingreso do novo académico da RAGC titúlase Poden pensar as máquinas?, un tributo a Alan Turing, quen abriu un dos seus traballo máis importantes con tal pregunta. Senén Barro matizou que “cando nos preguntamos se as máquinas pensan ou poderán chegar a facelo algún día, utilizamos como referencia non tanto o proceso de pensar, aínda descoñecido, como o seu resultado”, sostendo que a evolución da ciencia e a tecnoloxía permítenos asegurar que “a intelixencia de persoas e máquinas chegará a ser comparable algún día non moi afastado”. Logo de pronunciar o discurso, recibiu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, mentres que o diploma foi entregado polo reitor da USC, Juan Viaño.
Ao acto desta tarde asistiron, entre outros, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; a valedora do Pobo, Milagros Otero; e o director xeral de Banco Santander e director global de Santander Universidades, José Antonio Villasante.

Perfil de Senén Barro
Senén Barro é catedrático da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial desde 1995. Foi director do Departamento de Electrónica e Computación da USC desde 1993 até xuño de 2002 e reitor entre 2002 e 2010, etapa na que promoveu a internacionalización e a aposta emprendedora da USC, conseguíndose o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional para o proxecto do Campus Vida na primeira convocatoria deste tipo en España, celebrada en 2009. Desde maio de 2008 é presidente de RedEmprendia, a Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas, que conta con 20 universidades iberoamericanas asociadas, ademais do portal Universia e o Banco Santander.
Fundou e dirixe o Grupo de Sistemas Intelixentes, que conta na actualidade con 40 membros e, de acordo co seu nivel de publicacións científicas, é o primeiro grupo de Intelixencia Artificial de Galicia e un dos primeiros de España. É investigador colaborador e investigador responsable de numerosos proxectos e contratos de investigación internacionais, nacionais e autonómicos. Realizou estancias de investigación no Departamento de Informática Médica do Royal Free Hospital en Londres (Reino Unido); no Departamento de Enxeñaría Eléctrica da Universidade de Maryland (EE.UU.); nos Departamentos de Enxeñaría e Ciencias da Computación das Universidades de South Florida e California (EE.UU.); e no Departamento de Enxeñaría Matemática da Universidade de Bristol (Reino Unido).
Impartiu numerosas conferencias tanto en España como no estranxeiro e participou nun gran número de congresos nacionais e internacionais como membro de comités de organización e científicos. Foi organizador ou coorganizador de varios congresos, ciclos de conferencias e cursos de verán.
Presidiu o grupo de TIC da Conferencia de Reitores de Universidades de España (CRUE) desde xuño de 2003 até outubro de 2005. Incorporouse ao Comité Permanente da CRUE en maio de 2005 e en maio de 2008 foi nomeado vicepresidente da entidade, cargo que ostentou até xuño de 2010.

PUBLICIDADE