O catálogo social en liña patrimoniogalego.net acada xa as cinco mil entradas

martes, 28 de xaneiro do 2014 Redacción

No ano 2011 o profesor da USC e divulgador Manuel Gago expoñía a idea da creación dunha mesa en defensa do patrimonio galego. É entón cando bota a andar o maior rexistro público en liña dos monumentos galegos -o catálogo social patrimoniogalego.net- que arestora vén de facerse cun novo récord: os cinco mil bens inventariados. O devandito catálogo ten como obxectivo salvagardar a grande riqueza monumental herdada polos galegos (tendo unha listaxe vermella onde se sinalan os bens que se atopan en peor estado de conservación ou que corren perigo de desaparecer) e para iso achega información polo miúdo sobre milleiros de bens patrimoniais espallados ao longo da nosa xeografía.
Amais do nome, a tipoloxía, o estilo, a datación, a propiedade ou o nivel de conservación dos obxectos catalogados, o portal tamén informa sobre como chegar onda eles e mailo estado no que se atopan os accesos.
Cómpre informar que o mecanismo deste inventario social é moi semellante ao da Wikipedia, ou sexa: calquera usuario pode converterse en catalogador logo de rexistrarse. Emporiso, en patrimoniogalego.net unha equipa de editores encárgase despois de revisar os datos subministrados antes de procederen á súa publicación. Engadir que nas fichas subidas polos catalogadores tamén se fai mención á tradición oral asociada aos monumentos, coa finalidade de axudar a conservar tamén as lendas ou cantigas relacionadas cos bens inventariados. Doutra banda, este catálogo social constitúe xa un arquivo fotográfico de primeira orde, posto que comeza a ser empregado como o álbum de referencia á hora de consultar en liña a imaxe dun determinado monumento en Galicia.
Dicir que este site foi concibido co soporte técnico de Wordpress e co aloxamento cedido por Dinahosting, estamos perante un sistema de información xeográfica (SIX) 100% independente, sen ánimo de lucro e aberto á participación cidadá que se adica á catalogación dos bens galegos de carácter inmoble.
O proxecto funciona grazas ao esforzo desinteresado dun grupo de profesionais de distintas disciplinas e, sobre todo, grazas á colaboración dos numerosos catalogadores. Aqueles que estean interesados en colaborar con este proxecto só teñen que poñerse en contacto coa equipa da web a través das redes sociais ou do email: patrimoniodegalicia@gmail.com.
O corpo de editores que supervisan as fichas está formado por: Adela Oyonarte, Franjo Padín, Carmela Sánchez Arines, Xosé Gago e máis Elixio Vieites, mentres que Milagros Bará, Álex Bragaña e Soledad Felloza conforman o corpo de produción. Das cuestións xurídicas ocúpase o avogado Bernardo Dios, ao tempo que Eladio Rial e Manuel Gago se encargan do deseño e do mantemento da páxina. Por último, os xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde son os responsables da comunicación.

PUBLICIDADE