O catálogo de GaliciaLe ampliouse en 2017 con 128 títulos en galego

martes, 16 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta mañá celebrouse unha xuntanza do Consello de de Cooperación Bibliotecaria. A cita foi na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade de Cultura, e nela participou o secretario xeral de Cultura. Un dos principais puntos da orde do día que centrou a reunión foi a memoria anual da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, na que se deu conta dos novos rexistros e incorporacións á Rede (sete centros públicos municipais integrados en 2017) e, entre outras cousas, dos fitos TIC recentes e dos obxectivos tecnolóxicos da Rede.
Así, fíxose saber que a Consellería de Cultura e a axencia AMTEGA teñen previsto avanzar no proceso de incorporación das bibliotecas ao sistema integrado de xestión bibliotecaria. En termos concretos, amais dos 87 centros que xa tiran proveito deste sistema (un programa de software que dá servizo e vantaxes ao persoal das bibliotecas e aos usuarios), prevese que en 2018 se integren medio cento de bibliotecas e axencias de lectura.
Outro dos puntos da orde do día foi a plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas GaliciaLe, que incorporou en 2017 un total de 128 novos títulos en galego ao seu catálogo, para o que se investiron un total de 75.186,15 euros. Ademais, segundo explicou o secretario xeral de Cultura na xuntanza, a Consellería ten previsto dotar a plataforma dun catálogo de audiovisuais producidos en Galicia (curtametraxes, longametraxes, documentais, animación etc), co fin de poñelos ao dispor dos usuarios e das usuarias deste servizo en 2018.
Entre os asuntos tratados tamén se incluíron as novidades respecto de Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, integrada no proxecto da Memoria dixital de Galicia. En total, sinalouse, dixitalizáronse o pasado ano máis de 3.000 números de La Noche, máis de 7.000 de La Región e de Vida Gallega, ademais da redixitalización de cabeceiras como El compostelano, Diario de Pontevedra e Noticiario de Vigo, con casi 70.000 imaxes novas e de calidade.

PUBLICIDADE