O canon dixital podería fixarse sen contar con fabricantes de electrónica nin consumidores

venres, 31 de agosto do 2007 Marcus Fernández

A compensación de dereitos de autor por mor da copia privada coñecida informalmente coma canon e asociada á SGAE (aínda que se reparte entre varias entidades) está a vivir tempos de cambio en España, pois o Goberno ultima nestas datas o borrador da orde ministerial que determinará os aparatos que estarán gravados con tal cantidade económica.
O máis polémico do borrador é que parece ser que ignora completamente a usuarios e empresas tecnolóxicas, dando especial peso ás entidades de xestión de dereitos de autor, que son as únicas que ata o momento tiveron acceso ó texto da man do Ministerio de Cultura, co que mantiveron distintas xuntanzas para tratar o asunto.
Un artigo do borrador que está a dar que falar é o 17.B, que nun principio se tería retirado, pero que a SGAE insiste na súa reincorporación ó texto, e que permitiría o peche de páxinas web que non respectasen os dereitos de autor.
Aínda non se coñece a listaxe de produtos que deberán facer fronte ó canon, agardándose que se aplique a dispositivos destinados a almacenar contidos susceptibles a ser protexidos por dereitos de propiedade intelectual, como poderían ser os reprodutores multimedia, pero os fabricantes están preocupados ante a posibilidade de que se espalle a discos duros externos ou a PDA.
De tódolos xeitos, dende as asociacións de internautas e de empresas de electrónica amosan a súa sorpresa ante o feito de que o novo ministro de Cultura, César Antonio Molina, non os tivese en conta en todo o proceso de elaboración do borrador.

PUBLICIDADE