O campus sustentábel da Deputación de Lugo madura unha ducia de proxectos innovadores

luns, 11 de marzo do 2019 Redacción

Unha ducia de emprendedores comezaron hoxe a súa andaina formativa e innovadora ao abeiro dos obradoiros maduración de proxectos do Campus de Emprendemento Sostible da Deputación de Lugo, que arrincaron no Centro de Interpretación Terras do Miño (paseo do Río Rato) e que se van prolongar ao longo de catro xornadas. Segundo informa a Deputación, estas sesións gratuítas son a última fase para que as e os participantes poidan pór en marcha novas empresas na Reserva da Biosfera lucense (as xeiras formativas están dirixidas a persoas que xa teñen unha idea ou proxecto avanzado de negocio).
Dende hoxe ata o vindeiro 14 de marzo, os participantes recibirán formación especializada sobre viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira das súas ideas empresariais. A vertente máis teórica desenvolverase até o mércores 13. A parte práctica celebrarase o xoves, co percorrido que os emprendedores realizarán ao longo de todo o día por distintos negocios de éxito establecidos en diferentes concellos da Reserva da Biosfera Terras do Miño, proxectos convertidos en realidade e que comparten o nexo común de impulsar prácticas que sexan respectuosas co medio.
Unha vez finalizado o Campus, os emprendedores contarán con titorías de asesoramento personalizadas, coas que poderán continuar o traballo iniciado, para poñer en marcha as súas ideas de negocio.
Motivación empresarial
O VI Campus de Emprendemento Sostible desenvólvese tanto en Lugo como en Cervantes. Os cursos de motivación empresarial terán lugar o 20, 21 e 22 de marzo (no Centro de Interpretación Terras do Miño), no Paseo do Rato; e o 25, 26 e 27 de marzo (no Edificio de Servizos Múltiples) en Cervantes. Son en total 30 prazas, 15 para cada seminario, para emprendedores que queiran recibir accións formativas teóricas e prácticas sobre como crear unha empresa en calquera dos concellos que integran as dúas Reservas da Biosfera.
Os seminarios versan como dixemos sobre motivación e maduración de ideas empresariais, centrándose tamén nas metodoloxías máis eficaces para que os proxectos tiren o máximo proveito das novas tecnoloxías (comunicación, promoción, difusión, distribución, busca e mantemento de clientes, etc). O obxectivo da Deputación é ofrecer á veciñanza emprendedora accións formativas e asesoramento individualizado, amais dun roteiro de visitas polos establecementos e empresas competitivas e sustentábeis da provincia, onde manterán encontros cos seus impulsores para compartir experiencias. A finalidade última é achandar o camiño para que o novo empresariado poida poñer en marcha os seus proxectos en calquera dos concellos que integran as dúas Reservas da Biosfera.
As actividades
Como se dixo, o Campus de Maduración Empresarial está dirixido a todas as persoas cunha idea de negocio. É un curso intensivo de catro días, que combina sesións teóricas con visitas a empresas e titorías individuais, unha vez rematadas as sesións. En canto á parte teórica, traballarase a maduración da idea empresarial de cada un dos participantes, analizando, por exemplo, a súa viabilidade comercial, técnica e legal a través da metodoloxía Canvas, o enfoque medioambiental con exemplos prácticos ou a viabilidade económico-financeira a 5 anos.
No que atinxe ao Campus de Motivación, encamíñase sobre todo a profesorado de centros educativos localizados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, co fin de que imparta materias relacionadas co mundo da empresa, tales como economía, empresa e iniciativa emprendedora ou formación e orientación laboral. As sesións, que serán intensivas, están destinadas a ofrecer contidos, recursos e ferramentas sobre emprendemento para traballar co alumnado nas aulas.
26 empresas xeradas
As cinco anteriores edicións do Campus de Emprendemento Sostible supuxeron polo de agora, un total de 26 novas empresas na provincia e, en consecuencia, “a creación novos postos de traballo no conxunto do territorio lugués”, segundo lembra a Deputación. Entre as empresas creadas hai unha presenza notábel das novas tecnoloxías, tanto nos produtos ou servizos a subministrar como na materia prima empregada polas propias empresa beneficiarias no seu día a día (comunicación, xestión, distribución).
Estas son as empresas: Pitas das Chas (Becerreá); D´Abella (Baleira); Terraminimum (Lugo); DulceMenta (Lugo); A Leira (Burela); A horta da Sancoveiga (Vilalba); Esther Fernández Díaz (Ancares); Nenea, medrar creando (Lugo); Avogar (Lugo); Bico de Grao (Lugo); PK3 Ingenieros (Lugo); Marmeladas Acea de Olga (Lugo); WiseKid Summer Camp (Lugo); Mel Casa Príncipe (Cervantes); Explotación Extensiva de Gando Vacún (Sarria); Abadía (Mondoñedo); Bufarda Arquitectura (Monterroso); Esmorga Eventos (Mondoñedo); Galimós: A nosa granxa de galiñas de Mós (Outeiro de Rei); M3 Aguas (Lugo): ingeniería ambiental; Tu alicate, tenda online de ferramentas (Becerreá); Dukaree Artesanía de la Calabaza (O Corgo); Centro Shalom (Lugo); Caserío Meiroi (Navia de Suarna); Elexes, más que electricidad (Lugo); Hotel Os Ancares (Becerreá).

PUBLICIDADE