O cambio radical de MSN Hotmail: agora, Windows Live Hotmail

luns, 7 de maio do 2007 Raquel Noya

Logo de 10 anos achegando servizos para que os internautas se “carteen” virtualmente a través da súa ferramenta de correo electrónico, Microsoft vén de presentar o seu novo webmail, o Windows Live Hotmail, sucesor do antigo MSN Hotmail, que se estrea a nivel mundial traducido en 36 idiomas (e que xa estaba accesible en beta para moitos usuarios). O anovado servizo de correo electrónico de Microsoft dispón dun sistema de seguridade máis eficaz, así como unha interface e un manexo moito máis sinxelo que lembra ó de Outlook; tén un límite de capacidade inicial de 2 xigas (que, segundo dín, “irase incrementando para garantir un mellor almacenamento”) e foi deseñado tendo en conta os comentarios e opinions de máis de medio millón de usuarios en España e 20 millóns en todo o mundo.
Este novo sistema de seguridade constitúe unha das apostas máis potentes de Windows Live Hotmail, xa que (segundo apunta Microsoft) achega máis protección anti-spam e detector de virus nos arquivos adxuntos ós correos e de suplantacións da identidade (phising).Porén, o máis salientable e innovador do servizo é a incorporación dunha barra de seguridade que aparece na parte superior da mensaxe, prevendo ó destinatario da orixe da mesma e organizándoo por cores deste xeito: amarelo para os remitentes descoñecidos, verde para os coñecidos e vermello para os potencialmente perigosos.
Ademais, Windows Live Hotmail semella máis rápido e cómodo có seu antecesor, e integra -entre outras cousas- un corrector ortográfico, un panel de lectura que realiza unha vista rápida dos correos remitentes e un servizo de completado automático dos enderezos empregados.
Ó igual có anterior, o novo Hotmail é de balde e permítelle ó usuario conservar a súa conta de contactos de sempre. A data de caducidade por inactividade multiplícase por catro (o que supón pasar de 30 a 120 días) e, para migrar, sinala a casa Microsoft que os interesados só terán que premer nunha ligazón sen necesidade de descargar nada.

PUBLICIDADE