O bus tecnolóxico de emprendemento de La Caixa chega a Porto do Son

xoves, 24 de agosto do 2023 S. P.

O bus LabEmprende de EduCaixa (Fundación La Caixa) xa está en Porto do Son. O concelleiro de Educación e Benestar Social, Pepe Lijó, coñeceu de primeira man este laboratorio de emprendemento itinerante e novas tecnoloxías da información no que se propoñen obradoiros para reflexionar e profundar sobre o feito de emprender, co foco en divulgar contidos entre a rapazada e a mocidade. O bus chegou este xoves á explanada portuaria (na avenida de Galicia) e ficará alí até mañá venres (25 de agosto). O horario é de 10:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:30h. As persoas interesadas en entrar na unidade móbil poden concertar reserva a través do número 900 101 493 ou da conta info@labemprende.com.

Os visitantes poderán gozar dun laboratorio de actividades cun obradoiro interactivo e multimedia onde aprenderán o concepto de emprendemento e as características e valores dunha actitude emprendedora. O laboratorio é un autobús que se converte nunha unidade móbil totalmente adaptada para facilitar o acceso e a participación das persoas con mobilidade reducida ao longo da actividade.
A iniciativa está dirixida a grupos de estudantes de secundaria, de entre 14 e 18 anos principalmente, aínda que poden participar tamén grupos procedentes de escolas especializadas en ciclos formativos para maiores de 18 años e de escolas de adultos, así como grupos familiares.
O persoal de dinamización adaptará os recursos do espazo para que o percorrido poida realizarse de xeito autónomo en caso de visitas libres de familias e xente nova.
A partir dun percorrido por un espazo multimedia e con diferentes actividades interactivas, este taller itinerante permite descubrir o proceso de emprendemento e as características e valores necesarios para emprender. O percorrido pasa por tres ámbitos: Mira, Pensa e Actúa. No primeiro convídasenos a aprender a observar, no segundo a verificar e descubrir se unha oportunidade de negocio é boa e no terceiro a converter unha idea en negocio en realidade.

PUBLICIDADE