O bus iFala remata a primeira etapa do seu camiño e anuncia novo itinerario

luns, 11 de xullo do 2016 Redacción

O itinerario do autobús iFala, habilitado pola Deputación de Coruña para impulsar o legado das Irmandades da Fala a través de accións expositivas, de mobilidade e dixitais, vén de chegar ao seu remate esta fin de semana pasada en Santiago (logo de visitar 18 localidades). Con todo, e segundo se fixo saber na Praza do Obradoiro (a última estadía do roteiro), haberá continuidade despois do verán, e máis tendo en conta o éxito de participación da cidadanía e o interese dos concellos por implicárense. Como lembraremos, o bus iFala é unha iniciativa da Deputación (Área de Cultura) xunto con Ora Galega. Abrangue, entre outras cousas relativas á celebración dos cen anos das Irmandades, unha exposición de seu, unha aplicación móbil, unha páxina web (ifala.gal) e unha canción interpretada en clave colectiva. En termos concretos, uns recursos apóianse noutros: a mostra unha liña do tempo desde os Mártires de Carral até o golpe de 1936 cunha información básica que se pode completar no aplicativo e máis na páxina de iFala.
Coincidindo con esta última (polo de agora) parada do bus, os responsábeis do mesmo fixeron reconto da iniciativa no número 15 da Rúa do Vilar, diante da que fora imprenta Nós do ex alcalde compostelán Ánxel Casal. Na presentación participaron a vicepresidenta da Deputación e responsábel da Área de Cultura, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Santiago, Manuel Dios, Elvira Souto e Carlos Quiroga como responsábeis de Ora Galega. No acto tamén interveu Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización, unha das entidades colaboradoras do proxecto.
Como voceira de Ora Galega, Elvira Souto fixo “un balance positivo da difusión”. Segundo engadiu, esta chegou finalmente a máis localidades das previstas no inicio debido á demanda dos concellos. "Precisamente porque desde moitas localidades pediron a visita do autobús decidimos botar andar unha segunda xira a partir do verán, en setembro e outubro, dirixida fundamentalmente á participación dos centros de ensino", sinalou Souto.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, valorou moi positivamente a posibilidade que nos abre iFala para “coñecermos un período fundamental na nosa historia, cando homes e mulleres soñaron para Galiza, para a nosa lingua e para a nosa cultura un futuro de seu”. Tamén recordou que non se elixiu por casualidade, para “facer balance” da iniciativa, a contorna da imprenta Nós de Ánxel Casal. A vicepresidenta aproveitou este feito para “lembrarmos todas aquelas persoas que, como aconteceu co que fora alcalde de Compostela e vicepresidente da Deputación da Coruña, padeceron a represión, entre as que se atopan moitas vinculadas ás Irmandades”.
Pola súa parte, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, defendeu a necesidade de "apoiar as iniciativas que fagan un recoñecemento do que foron as Irmandades da Fala porque aínda hai xente que descoñece quen é Vilar Ponte ou Porteiro Garea".
O autobús abriuse por vez primeira o pasado día 21 de maio na Coruña, a cidade en que naceron as Irmandades da Fala. O itinerario quixo ser unha homenaxe ao espallamento pola nosa terra deste espírito de liberdade e galeguismo: Betanzos, Ferrol, Lalín, Lugo, Ponteareas, Pontevedra, Ribadeo, Vilagarcía de Arousa e Viveiro foron algunhas das citas do proxecto itinerante iFala que recalou de maneira especial naquelas localidades en que hai cen anos se constituíra un grupo das Irmandades da Fala.
Asociacións, editoriais e outras entidades colaboran na iniciativa, entre elas, a Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Cultural Auriense, Ourense, Asociación Cultural Vagalumes, A Estrada, Asociación Francisco Lanza, Ribadeo, Asociación Pensamento e sementeira, Viveiro, Asociación Roxin Roxal, Betanzos, Asociación Socio-Pedagóxica Galega , Confederación Intersindical Galega, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Editorial SEPT, Instituto de Estudos Miñoranos, Ir Indo Edicións, Mesa pola Normalización, Seminario de Estudos Chairegos, Vilalba e Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol.

PUBLICIDADE