O bus da Xeración D desembarca esta fin de semana en Ribadeo

xoves, 24 de agosto do 2023 S. P.

Os autobuses da Xeración D fretados por RTVE para incrementar as competencias dixitais da cidadanía seguen o seu periplo pola nosa terra, centrándose neste mes de agosto na provincia de Lugo. Logo da estadía da xira nas Pontes, en Guitiriz, en Lugo, en Chantada, en Sarria, en Burela, en Castro de Rei, en Mondoñedo, en Monforte e en Foz (que remata este xoves), o bus recalará en Ribadeo, os días 24, 25, 26 de agosto de 2023, no parque de San Francisco, co seguinte horario: xoves 24/08 de 17.00 a 20.30 horas e venres 25/08 e sábado 26/08 de 12.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 20.30 horas.
O itinerario da Xeración D é unha campaña itinerante impulsada por RTVE para mellorar as habilidades dixitais da cidadanía. Inclúe xogos e actividades didácticas gratuítas que aspiran a axudar á poboación a potenciar a dixitalización e pór freo á fenda dixital. A frota de Xeración D está formada por seis autobuses que están percorrendo a xeografía estatal a longo desta tempada primavera-verán. As actividades son totalmente gratuítas e teñen unha duración aproximada dunha media hora. O interior da unidade móbil está equipado con tecnoloxía inmersiva que convida a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias dixitais. A experiencia é completamente personalizada e axústase ás necesidades de cada usuario.
O visitante comezará enfrontándose a un test autodiagnóstico que permitirá coñecer o seu nivel de coñecemento dixital para despois superar xogos e actividades variadas e de todos os niveis: desde aprender a realizar unha procura óptima en Internet até fuxir das novas falsas (fake news), optimizar o uso das redes sociais ou xestionar a identidade dixital. Ademais, o autobús contará cunha sala de escape na que os usuarios terán que pór en práctica o aprendido se queren resolver o xogo e lograr saír da sala.
A campaña Xeración D está financiada polos Fondos Europeos Next Generation a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (SEDIA), dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital. Trátase dunha iniciativa enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que recolle, entre os seus eixos estratéxicos, o reforzo das competencias dixitais dos traballadores e do conxunto da cidadanía coa creación do Pacto pola Xeración D.

PUBLICIDADE