O blog de Choiva Azeda acada as 500 entradas informando dende As Pontes

xoves, 11 de outubro do 2007 Raquel Noya

O blog da Asociación Cultural Choiva Azeda das Pontes de García Rodríguez, creado o día de San Xoán do pasado 2005 vén de acadar xa as 500 entradas.
Nestes dous anos (e pico) as temáticas que tocaron foron moi variadas e heteroxéneas, pasando de avisar ós internautas da celebración de actos culturais a informalos da existencia de reivindicacións sociais que se daban alén dos lindes do seu pobo.
Pero sen dúbida, os temas que máis inspiraron a Choiva Azeda neste tempo foron o medio ambiente e a sustentabilidade -como os seus responsables a chaman- “da súa comunidade pontesa, galega e universal”, así como o fomento da participación social pola defensa do patrimonio cultural.
Porén, a bitácora ten feitura de “caixón de xastre”, sobre todo debido a achega continua de información procedente dos internautas, con fotos, novas, convocatorias, vídeos ou comentarios que contribúen a facer un espazo máis colaborativo, permitindo o exercicio da liberdade de expresión e da participación social.
Con motivo dos 500 posts, Choiva Azeda agradece a colaboración desinteresada daqueles que botaron unha man achegando as súas inquietudes e motivacións, mentres que nós, pola nosa parte agradecemos que sigan aí ó pe do canón sen esquecer que temos un paraíso en Galicia que debemos coidar antes de que sexa tarde de máis.

PUBLICIDADE