O blog de Actitude Innovadora celebra as 100 entradas cunha nova proclama ao prol da I+D

luns, 1 de abril do 2013 Redacción

A innovación non debe ser unha fórmula illada que repercuta só nos demais: ten que ser unha fórmula aplicábel a tempo completo no seo da nosa empresa. E non só a través de iniciativas que dean froitos empresariais concretos, senón a través do máis simple dos xestos, xestións ou accións de promoción e comunicación. Esta podería ser (e de feito é) a filosofía que transmite INNAC (Actitude Innovadora), unha iniciativa da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) que busca fomentar a cultura da innovación na sociedade e que estes días está de celebración por ter acadado o seu post número 100 no blog de seu. Cousa salientábel, este punto fixo de información, se temos en conta que a Rede non é mesma dunha xornada para outra.
A entrada número 100 sérvelle á FECYT para recordarnos que no dito sitio temos ao alcance man unha chea de datos interesantes no eido da cultura da innovación, tanto procedentes da propia fundación como de axentes externos: eventos, premios á innovación, entrevistas a innovadores, prácticas inspiradoras “e moito máis”.
Como dixemos, Actitude Innovadora nace en 2011 para afianzar a filosofía da creatividade ao servizo do desenvolvemento empresarial e investigador. Ou sexa, a filosofía de adiantarnos ao presente e mesmo ao futuro. Abrangue as distintas iniciativas que FECYT desenvolve para o fomento da cultura da innovación. “Neste contexto”, informa a fundación, “INNAC encamíñase a impulsar a dita cultura para que a innovación forme parte de todos nós, e todo o que aquela implica: o conxunto de valores, hábitos e actitudes que promoven procesos de cambio baseados no coñecemento, cuxo resultado xera valor económico e social”. Desde 2011, INNAC desenvolveu e desenvolve proxectos propios co devandito obxectivo entre distintos colectivos. Por exemplo, Retos da actitude innovadora (para todos os cidadáns), Cidades con actitude innovadora (para os concellos), As pequenas están a traballalo (para micro-PEME) ou A Cadea da Innovación (para estudantes de Formación Profesional). Ademais, desde FECYT xestiónase a convocatoria de axudas para a cultura científica e a innovación, desde a que se apoian moitas iniciativas que tamén perseguen o fomento da actitude innovadora na sociedade. Polo que respecta aos seguintes movementos a afrontar dende INNAC e o seu blog, o cometido é ir aínda máis lonxe durante 2013, “pensando xa en vindeiros proxectos para fortalecer a capacidade creativa e a innovación, que son quen de transformar o mundo que coñecemos e con enerxía para non deterse nunca”.

PUBLICIDADE