O blog Caderno de Crítica, de novo premiado pola AELG

luns, 11 de maio do 2015 Redacción

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de dar a coñecer as obras e autores distinguidas na edición 2015 dos Premios AELG. Entre as achegas recoñecidas atopamos un ano máis a Ramón Nicolás polo seu blog sobre literatura galega Caderno da crítica, espazo web xa distinguido dende 2013 en adiante pola asociación, tal e como fixemos saber no seu día dende Código Cero. Nicolás, profesor de lingua e literatura galega, crítico e tradutor, é dende hai anos unha referencia en materia de promoción das nosas letras (e a nosa Rede), actividade materializada no suplemento Fugas de La Voz e, sobre todo, no devandito blog galardoado pola AELG, dende o que dá conta das principais novidades literarias galegas cunha linguaxe accesíbel e directa.
A AELG entregou os seus recoñecementos na Gala das Letras, celebrada no Círculo das Artes de Lugo. No acto tamén se deu a coñecer que a novelaA viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz foi elixida como o mellor título de 2014 en narrativa polos centos de socios e socias. A continuación, incluímos a listaxe completa de premiadas e premiados:
Mellor tradución: Darío Xohán Cabana por A Divina Comedia, de Edicións da Curuxa.
Mellor obra de teatro: Obras completas.Volume IV, de Roberto Vidal Bolaño en Edicións Positivas.
Mellor ensaio: Helena Miguélez-Carballeira por Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, de Através Editora.
Mellor obra narrativa: Agustín Fernández Paz por A viaxe de Gagarin, de Edicións Xerais.
Mellor obra de poesía: A distancia do tambor de Eva Veiga, en Espiral Maior.
Mellor blog literario: Caderno de crítica de Ramón Nicolás
Mellor obra de Literatura Infanto-Xuvenil: Penúltimas tendencias de Carlos Negro, de Edicións Xerais.
Mellor traxectoria en xornalismo cultural: Montse Dopico.
Premio Bos e Xenerosos: Xosé María Palmeiro, Manuel Lombao, Tareixa Navaza, Margarita Ledo.
Premio Institución Culturais: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación de Medios en Galego.
Premio Mestras-es da Memoria: Josefa Arias e Emilio do Pando.
Escritor Galego Universal 2015: Luiz Ruffato.

PUBLICIDADE