O beneficio neto de Google medra nun 5% no primeiro semestre
venres, 18 de xullo do 2014
A compañía Google vén
de dar a coñecer as súas contas recentes. En termos xerais, o
xigante do buscador do mesmo nome obtivo un beneficio neto de 6.874
millóns de dólares (5.082 millóns de euros) no primeiro
semestre de 2014. Isto significa un medre do 5% con respecto ao mesmo
período do ano anterior. Ademais, foi quen de ingresar 31.375
millóns de dólares, un 20 % máis que hai un ano. No que atinxe ás
cifras trimestrais, Google foi quen de obter 3.422 millóns de
dólares entre o mes de abril e o de xuño. En relación ao acadado
neste mesmo período en 2013, teriamos un medre do 6%.
A pregunta que nos
podemos facer agora é: como é posíbel que a compañía do buscador
non tocase fondo e siga mergullada neste proceso de moderado
crecemento nun panorama xeral onde outros compañeiros de viaxe igual
de potentes están en pleno proceso de redistribución-reconversión
(o
caso de Microsoft, do que falamos onte polo miúdo)? A resposta a
isto está en boa medida nos seus esforzos en materia de rendibilizar
a publicidade. Segundo cifras achegadas a este respecto polo portal
eMarketer, este ano en curso a empresa dará acubillo a máis da
terceira parte de todo o diñeiro investido en publicidade en
Internet.
Porén, os analistas
indican que os beneficios aínda puideron ser mellores (quedaron por
debaixo do previsto) e a diferenza entre o ingresado e o gañado por
Google no último trimestre débese sobre todo aos gastos derivados
en proxectos de I+D como as súas gafas Google Glass ou o automóbil
que é quen de moverse sen condutor.
Para a compañía, con
todo, as cifras non poden ser mellores e así o interpreta Patrick
Pichette, conselleiro financeiro da compañía, no comunicado amosado
onte: “O excelente intre polo que pasan os nosos produtos está a
dirixirnos cara adiante, e estamos entusiasmados para seguir provendo
experiencias incríbeis aos usuarios coa vista posta no longo prazo”.
A empresa tamén deu a entender de onde lle veñen estas cifras: no
pasado trimestre, o 69% do total de ingresos da compañía proveu de
produtos propiedade da propia empresa, mentres que o 21% restante foi
xerado por produtos de empresas asociadas a Google.