O bUSCatermos celebra os seus cinco anos en aberto con máis contidos e posibilidades de consulta

luns, 13 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

O servizo bUSCatermos, base de datos en liña de terminoloxía técnica achegada en clave multilingüe pola Universidade de Santiago (Servizo de Normalización Lingüística), está a celebrar os seus cinco anos da súa andaina en aberto, cen por cen accesíbel para todos os internautas. Como lembraremos, o bUSCatermos foi habilitado en 2007 en acceso restrinxido para os membros da USC, e logo, en 2012, botou abaixo cancelas en materia de dispoñibilidade total. Agora, os seus principais responsábeis aproveitan a celebración destes significativos cinco anos en aberto para facer reconto de cousas acadadas. Segundo fan saber, ao longo deste tempo experimentouse un importante proceso de medre “tanto en contidos (chegouse ao pé dos 165.000 rexistros e 500.000 denominacións, delas unhas 200.000 en galego) como en vías para poder consultalos”. Hoxe, engaden, é posíbel procurar nesta base de datos tanto desde un computador como desde dispositivos Android ou iOS.
Porén, o máis importante que lle pasou ao bUSCatermos neste quinquenio ten que ver “co que aconteceu fóra del”, ou sexa, o proveito que se tirou do servizo. Estes son algúns dos datos máis salientábeis: 25.000 sesións de consulta por ano como media, 480.000 rexistros visualizados (uns 95.000 por ano, cunha tendencia crecente que fixo que nos últimos doce meses se superasen os 100.000) e cunha porcentaxe do 85% de consultas feitas dende Galicia.
Os impulsores do servizo, a maiores do devandito, sinalan que estes cinco anos de andaina en aberto foi un tempo de “consolidación”, de asentamento do produto, “que foi quen de medrar en contidos e que mantivo un nivel de uso estábel e con tendencia ao crecemento”.
Respecto ao traballo por facer, o roteiro principal pasa por impulsar os ámbitos da usabilidade e da difusión. No premio eido, a equipa está a traballar nunha nova interface web que agardan poder amosar nos vindeiros meses. No segundo, quérese chegar a máis colectivos docentes doutras universidades ou do ensino secundario, profesionais da comunicación, especialistas das distintas disciplinas...

PUBLICIDADE