O arteixán Juan Varela, gañador do concurso de fotografía con dispositivos convocado en Caión

luns, 10 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Xa hai gañador do concurso de fotografía feita con dispositivos móbiles que organizaron o proxecto Mar de Caión e o Concello de Laracha a través da páxina de Facebook de Mar de Caión. O certame, como lembraremos, inseriuse na segunda fase do devandito proxecto GAC financiado con fondos europeos, que ten como principal cometido promover e dar a coñecer os recursos relacionados co mundo e a cultura mariñeira e o coidado do entorno natural da vila costeira coruñesa. O concurso desenvolveuse entre o 29 de outubro e o 9 de novembro e a fotografía gañadora foi Amencer en Caión un día de pesca, do arteixán Juan Varela, quen poderá gozar dunha comida ou cea nun establecemento da Rede de Hostaleiros Mar de Caión, na que se promociona a gastronomía local.
A fotografía en cuestión recibiu 243 gústame en Facebook e, polo tanto, converteuse na máis votada. Segundo informa a organización da actividade, participaron nesta un total de 57 fotógrafos-internautas. A imaxe gañadora foi obtida dende o porto da vila mariñeira, dende onde precisamente parte moitas veces a embarcación do autor da fotografía.
Un dos obxectivos concretos do concurso foi o de promover a presenza de Mar de Caión na rede social Facebook. De feito, para poder participar na actividade, os fotógrafos tiveron que facerse membros da devandita páxina. O resultado disto é que nos dez días nos que se desenvolveu o concurso, a fan page pasou de 600 a 718 seareiros. Outra condición fundamental para optar ao premio foi que as fotografías estiveran realizadas cunha cámara de dispositivo móbil (teléfono ou tableta), requisito que foi comprobado antes de proclamar publicamente como gañador a Juan Varela.

PUBLICIDADE