O ámbito TIC voa alto nos Premios PEL ás mellores iniciativas empresariais

venres, 5 de abril do 2019 Redacción

Os Premios PEL que convoca a Deputación da Coruña por terceiro ano consecutivo, dirixidos a recoñecer o traballo das nosas PEME e autónomos en materia de desenvolvemento económico e innovación, foron obxecto dunha salientábel participación. Así o deu a coñecer esta semana o xurado do certame, explicando que se recibiron finalmente 84 candidaturas (57 empresas, 14 concellos e 13 asociacións) e que as gañadoras serán dadas a coñecer nos vindeiros meses, nunha gala que contará con diversos representantes da entidade provincial e do tecido produtivo coruñés. Por sectores, destacan un ano máis as candidaturas do ámbito tecnolóxico-dixital.
A Deputación convocou este premio por terceiro ano consecutivo dentro das accións do Plan de emprego local (PEL), co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e autónomas, concellos de menos de 20.000 habitantes e asociacións empresariais comprometidos co desenvolvemento económico da provincia.
Como dixemos, un total de 84 candidaturas presentáronse ás cinco categorías coas que conta o galardón, dotadas con 15.000 euros cada unha: Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dirixida a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade; Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada, destinada a aquelas empresas que conten con máis de cinco anos de actividade, Mellor Iniciativa Xeradora de Emprego, que premiará as empresas que contribúan ao medre do emprego sustentábel e de calidade na provincia, Concello Promotor do Emprego de Calidade, dirixida aos concellos coruñeses que promoven e favorecen o emprego e o emprendemento e Mellor Asociación Empresarial, cuxa finalidade é valorizar o labor das asociacións de empresarios/as á hora de fortalecer o tecido empresarial.
Os membros do xurado avaliaron xa as candidaturas presentadas, seguindo criterios coma a orixinalidade da idea de negocio, a xeración de emprego, a capacidade de expansión, as iniciativas de fomento do emprendemento postas en marcha polos concellos, os servizos prestados polas asociacións empresariais, entre outros.
A meirande parte das empresas que concorren aos premios teñen o seu domicilio nos concellos da Coruña (15), Santiago de Compostela (9) e Bergondo (4). En canto aos concellos, concorren os de Ares, Brión, Cerceda, Coirós, Curtis, A Laracha, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Santa Comba, Sobrado, Valdoviño, Vedra e Vimianzo. No referente á quinta categoría, de mellor asociación empresarial, o concello de Ferrol é a que presenta unha maior representación (3), seguido dos concellos de Santa Comba (2) e Santiago de Compostela (2).
En canto aos ámbitos de actividade das empresas, destacan as dedicadas aos servizos técnicos ou tecnolóxicos, así como as empresas de servizos de educación e formación, do sector audiovisual e musical, dos sectores agrícola e gandeiro, téxtil, comercio electrónico, consultaría, etc.

PUBLICIDADE