O alumnado do programa de doutoramento Doc_TIC expuxo as súas teses na UVigo

venres, 23 de xuño do 2017 Redacción

Onte o salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo inauguraba unhas xornadas nas que o estudantado de doutoramento amosa o progreso dos seus traballos perante as compañeiras e compañeiros e diante dun comité externo que se encarga de avalialos. As ditas xornadas, que pechan as súas portas hoxe, están promovidas polo programa de doutoramento en Tecnoloxía da Información e as Comunicacións, Doc_TIC, pola escola de Enxeñaría de Telecomunicación e AtlantTIC. A dita iniciativa, pioneira na Universidade de Vigo, corre a cargo da catedrática Carmen García Mateo e cumpre este ano a súa cuarta edición.
A este encontro acude un 50% de alumnado estranxeiro, procedente de países de América do Sur e Portugal, amais de estudantando do Norte de África e os Balcáns. “O perfil maioritario de ingreso é TIC e no caso concreto do alumnado español a súa procedencia é Enxeñaría de Telecomunicación”, explica García Mateo. A amplitude temática, é para a súa responsábel, a principal fortaleza do programa “que serve de paraugas para todos os grupos de investigación de AtlantTIC”.
Cómpre engadir que os corredores anexos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acollen tamén os pósters dos traballos presentados polo alumnado do programa Doc_TIC. O director da Escola, Íñigo Cuiñas e Carmen García Mateo, foron os encargados de dar a benvida ao alumando, que comezaba deseguida coas presentacións exprés (45 presenciais e 24 por Skype), apoiadas nunha diapositiva dos seus traballos académicos. Asemade, este formato repetirase hoxe, pois os catro comités avaliadores irán realizando ao longo do día o seu traballo, segundo se vaian desenvolvendo as case 70 exposicións dos estudantes, que coñecerán as notas definitivas a mediados do mes de xullo.
Alén disto, as sesións ampliaranse con dous relatorios a cargo de investigadores de centros estranxeiros de investigación coa vontade de internacionalizar o programa, trátase de: Rafael F.S. Caldeirinha (Instituto Politécnico de Leiría), quen ofreceu onte a primeira das conferencias e Patrice Bellot (Universidade of Aix-Marseille-CNRS), que intervirá hoxe.

PUBLICIDADE